A bote de Faustino Otero Lino, con case un século de antigüidade, preside dende hoxe a entrada do Centro de Interpretación da Batalla de Rande logo de ser recuperado polo alumnado do Obradoiro de Emprego. A embarcación, que foi cedida ao Concello pola Asociación Lagoa dos Bébedos, tivo un papel relevante durante a II Guerra Mundial salvando a vida a refuxiados xudeus que chegaban a ría de Vigo fuxindo dos nazis. Axudou tamén a mellorar as condicións de vida dos presos de San Simón servindo de enlace ente os prisioneiros e as súas familias.
A embarcación foi sometida durante os últimos meses a unha restauración integral por parte do alumando do Obradoiro de Carpinteiria de ribeira que se está a desenvolver no pazo de Pousadoro. Trátase dunha embarcación tradicional da enseada de San Simón dos anos 30 do século pasado cuxa historia o fai único, xa que ademais de ser utilizado para pesca, tamén abastecía de víveres e roupa á illa de San Simón cando foi prisión e logo orfanato. Tamén tería un papel relevante durante a II Guerra Mundial salvando a refuxiados xudeus que chegaban á ría de Vigo. Este bote participou ademais na recuperación dos galeóns da batalla de Rande e colaborou na busca dis desaparecidos e rescate dos cadáveres en varios afundimentos. Xunto ao bote instalouse un panel informativo coa súa historia e todo o proceso de recuperación.
A alcaldesa, Digna Rivas, xunto cos concelleiros de Emprego Antonio Cabaleiro e de Cultura Rita Pérez, acompañaron ao alumnado e profesorado do Obradoiro que hoxe instalaron a embarcación no Meirande. No acto participou tamén Óscar Rodríguez, da Asociación Lagoa dos Bébedos, colectivo que doou o bote ao Concello para impulsar este obradoiro de carpintería que acabou por restaurar este histórico bote.
“Con esta restauración poñemos en valor este importante elemento do noso patrimonio, que queda agora exposto no museo Meirande, presidindo esta entrada como un símbolo da nosa historia”, anunciou Rivas. A alcaldesa agradeceu a Faustino Otero, propietario da embarcación, e á Asociación A Lagoa dos Bébedos a cesión deste bote e o seu impulso para os traballos de restauración, así o gran traballo feito polo Obradoiro de Emprego que deixou o bote en perfectas condicións para a súa exposición.
No vindeiro mes de decembro o alumnado do obradoiro construirá unha réplica deste bote Manuel que será navegable, e que se poderá botarse ao mar e empregarse para cruzar a enseada de San Simón.