Foto de Patry Rivas
A SAR OP Mobility debutou este sábado na liga de Primeira Autonómica cun enfrontamento ante Luceiros B na Bomboneira. Desde o primeiro minuto, o equipo dominou o encontro, impoñendo o seu ritmo tanto en ataque como en defensa. Ao longo do partido, lograron manter unha vantaxe cómoda no marcador, sen que o rival lograse poñer en perigo a súa superioridade.
Con todo, cando faltaban 12 minutos para o final e cun marcador favorable de 29-22, os colexiados decidiron suspender o partido debido á condensación na pista, o que facía perigoso continuar. Tras unha avaliación das condicións, acordouse aprazar os minutos restantes para unha nova data aínda por fixar.
O equipo mantén boas sensacións para este desenlace pendente, onde buscarán selar esta primeira vitoria da tempada en casa.
Rocasa Gran Canaria – SAR Rodavigo (30-23)
As mozas da SAR Rodavigo viaxaron ata Gran Canaria para disputar a terceira xornada da División de Honra Prata Feminina no pavillón Insular Antonio Moreno, enfrontándose a un rival de renome, o Rocasa Gran Canaria, que se mostrou superior en gran parte do encontro.
Desde o comezo, o equipo anfitrión deixou claro que ía ser un partido complicado para as mozas da SAR, cun ataque efectivo e unha defensa sólida que dificultou o avance rival. Ao descanso, o marcador estaba en 19-10.
Na segunda metade, o equipo redondelán pelexou por reducir a diferencia pero non foi suficiente para remontar. O Rocasa soubo xestionar con intelixencia a súa vantaxe e levou a vitoria cun resultado de 30-23.
BM Poio Artai- BM Chapela (29-25)
Os sénior masculino do BM Chapela debutou na Liga de Primeira Autonómica en Poio, e aínda que caeron derrotados ante un dos grandes favoritos, como é o Poio Artai, para eles foi un orgullo ver como os rapaces loitaron ata o final. O resultado foi de 29-25.
As mozas do BM Chapela de Primeira Autonómica teñen pendente xogar unha nova xornada da Copa Federación que finalmente aprazouse.