Co obxecto de reivindicar o labor e o legado das mulleres que escribiron ao longo da historia, ao longo desta semana e co gallo da celebración do Día das Escritoras (data que se conmemora o 14 de outubro baixo o lema “A periferia da periferia: mulleres que miraron ao mundo rural) a Radio Municipal emitirá textos gravados por bibliotecarios, bibliotecarias e alumnado dos centros IES Pedro Floriani, IES Mendiño, IES Illa de San Simón, IES Chapela e Colexio Vigo.
O 14 de outubro é o día elixido para celebrar o Día das Escritoras, unha iniciativa organizada pola Biblioteca Nacional de España para Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas y Modernas. O obxectivo fundamental desta celebración é dar visibilidade e reivindicar o labor e o legado das mulleres que escribiron ao longo da historia, en moitas ocasións silenciadas ou deliberadamente esquecidas. A data elixida para festexalo cada ano é o luns máis preto da festividade de Santa Teresa de Jesús (15 de outubro). Nesta edición o comisariado recae na escritora Ana Iris Simón e o lema escollido é: «A periferia da periferia: mulleres que miraron ao mundo rural».
As bibliotecas municipais de Redondela acompañadas das bibliotecas dos centros de ensino secundario conmemoran esta data en colaboración coa Radio Municipal que será a encargada de retransmitir os textos de autoras como Concha Espina, Teresa de Jesús, Dolores Medio, Mariluz Escribano, Margarita Nelken, Rosalía de Castro, María Zambrano, Gabriela Mistral ou Ernestina de Champourcin entre outras, que foron seleccionados pola BNE para este evento. As voces será das bibliotecarias e alumnado dos centros IES Pedro Floriani, IES Mendiño, IES Illa de San Simón, IES Chapela e Colexio Vigo.
Os textos serán emitidos ao longo de toda esta semana a través do 94.9 da FM, e poderanse atopar tamén nos podcasts na web e redes sociais da emisora (www.radioredondela.com), das bibliotecas públicas municipais de Redondela e das bibliotecas colaboradoras.