Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Encarnación Sotelino, homenaxeada no IV Foro da Muller Rural celebrado en Redondela

eu rural sotelino

A mariscadora de Redondela “memoria viva do duro traballo no mar” foi a homenaxeada nun encontro posto en marcha por Galicia Suroeste para visibilizar as realidades de todas esas mulleres que apostaron por formar parte do rural traballando, vivindo e transformando o territorio. Un foro que celebraba a súa cuarta edición na Casona da Torre e que contou coa presenza de 15 mulleres que visibilizaron a súa realidade.

Tal e como aconteceu nas edicións anteriores, o foro reservou un espazo especial para o recoñecemento de mulleres que foron, son e serán pezas fundamentais no desenvolvemento do territorio. Este ano a homenaxe foi para a redondelá Encarnación Sotelino, exemplo do legado feminino que constrúe e sostén as comunidades costeiras.

Unha muller que dende meniña baixaba coa súa nai á marea e aprendeu “un oficio duro” pero do que aínda hoxe, xubilada dende hai anos, está namorada. Un traballo ao que moitas mulleres chegaban para buscar un sustento co que colaborar na casa en tempos difíciles e no que Encarnación lembra “que houbo que loitar moito” para ter un seguro que garantira o futuro cando se retiraban.

Encarnación Sotelino

Un oficio no que comezou nunha época na que, segundo explico, “nin botas había, cantas veces chorei co frío. Non sabiamos nadar, nin bogar cando tiñamos que coller a gamela para ir a Arcade, pero aprendiamos o que fixera falta. Con vento, con chuvia… aguantabamos todo e esperabamos o bo tempo no mar, porque senón xa non saías da casa”.

Toda unha vida de traballo duro na marea dos que Encarnación fala orgullosa: “Eu non sería capaz de vivir sen mar. Imposible!”.

Ademais da voz de Encarnación Sotelino, escoitouse a doutras 14 mulleres, cada unha en representación dos concellos do territorio que, co gallo da conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais, visibilizaron a todas esas mulleres que son “as verdadeiras impulsoras da economía rural”, mulleres que viven e traballan en zonas rurais na agricultura, na gandaría e na transformación agroalimentaria, pero tamén na outra cara do rural: como directivas, na artesanía, no mar, no turismo, na industria, nos servizos, na educación, no comercio e en moitos outros sectores imprescindibles.

En representación de Redondela contouse coa tamén mariscadora e actual patroa maior Nisi Otero quen puxo en valor o traballo no mar e a vida no rural.

Nisi Otero, mariscadora de Redondela

Carmen Álvarez “Carmiña” foi a representante de Soutomaior como precursora da vida cultural e asociativa nese concello .

Carmiña de Soutomaior

O evento contou coa presentada da deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos; así como de alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras dos 14 concellos do territorio de Galicia Suroeste, entre eles a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quen quixo “recoñecer o traballo das mulleres e o papel clave que teñen e que sempre tiveron en Galicia. A nosa terra é un país de mulleres bravas, un matriarcado no que elas sostiñan e sosteñen boa parte da economía familiar”.

Eurural recolleu a experiencia de todas estas mulleres e dos seus proxectos de vida no rural en pezas audiovisuais que xa están dispoñibles na páxina web da entidade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará