O mal tempo desta fin de semana puxo a proba un ano máis a conmemoración da Batalla de Rande. Neste XI edición, dun acto que busca lembrar o acontecido no interior da ría de Vigo no ano 1702 coa batalla naval entre as escuadras hispanofrancess e angloholandesas, a chuvia foi unha das protagonistas xa que non deu un respiro sobre todo durante a xornada do sábado.
Malia o adverso da situación meteorolóxica, foron moitos os que se animaron a revivir esta batalla baixo a gran carpa instalada nas inmediacións do Meirande pensada para que todas as actividades se puideran desenvolver con normalidade.
Ao berro de “a choiva non nos para” tiveron lugar as diferentes actividades enmarcadas no programa e que incluían obradoiros de alfarería, escritura antiga e acuñación de moedas así como atraccións tradicionais para nenos e exhibición de esgrima histórica.
Nesta ocasión e como novidade as representacións desenvolvéronse non só no palco principal senón que houbo pequenas escenas entre o público. Unha programación que contou tamén con mercado e postos de comida.
As actividades contaron tamén con representación das diferentes administración involucradas no seu financiamento. Entre elas o propio concello de Redondela cuxa alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que esta festa “é unha das representacións históricas máis importantes do sur da provincia” e agradeceu á Asociación Cultural e Deportiva de Rande “o traballo incansable que realizan para que todo isto sexa posible”