O goberno local convoca este xoves ás 20:00 horas un pleno extraordinario e urxente no que se abordarán tres puntos vinculados coa xestión económica municipal. Un dos puntos é incrementar a taxa do lixo nun 40%. O PP critica esta decisión que convertiría a Redondela “no concello da área metropolitana coa taxa máis cara, superando a Vigo”.
Os populares acusan a Digna Rivas de “tapar a súa nefasta xestión cunha suba histórica do lixo de 1.500.000 euros” e anuncian que se oporán ao Plan de Axunte que o goberno local quere poñer en marcha. Esixen ademais a dimisión en bloque de todo o goberno por entender que a súa xestión está “levando á ruina ao Concello”.
A través dunha nota de prensa aseguran que o goberno local se viu obrigado a remitir ao Ministerio un Plan de Axuste para afrontar “unha situación financeira desastrosa” o que vai provocar que se apliquen medidas encamiñadas a incrementar os ingresos. Neste sentido afirman que no caso de aprobarse a proposta do goberno municipal “aumentarase a taxa do lixo nun 40% para as vivendas e cun importe desorbitado para os negocios de traballadores autónomos que apenas xeran lixo, mentres segue malgastando diñeiro público no súa autopromoción e deixando de lado as verdadeiras necesidades do municipio”.
Critican tamén aos concelleiros do BNG por seren “cómplices directos desta situación calamitosa e preferir antepoñer os seus intereses partidistas aos intereses dos veciños de Redondela apoiando a proposta do goberno local”.
O máis alarmante aseguran “é que, malia dilapidar máis dun millón de euros en subvencións, agora pretenden castigar aínda máis aos cidadáns. Non só deberán pagar máis taxas, senón tamén facerse cargo dos 38.000 euros en intereses xerados polo novo préstamo de 767.462 € para cubrir as facturas acumuladas que o seu goberno non puido pagar”.
Acusan tamén a Digna Rivas de “mentir sistematicamente aos veciños de Redondela cando asegurou que o Ministerio de Facenda non interviñera os pagos do Concello “cando a realidade demostra que sí o fixo” e cando dixeron que as contas estaban saneadas e que todas as facturas estaban pagadas en tempo récord “cando a realidade é que a xestión económica foi un caos absoluto”.