Foto de @kikoagroso93 con Ulla á dereita
O XLII Gran Fondo Caixabank, organizado pola Sociedade Ximnástica de Pontevedra, celebrouse o pasado domingo 20 de outubro en Pontevedra e pechou o seu prazo de inscrición con máis de 1.600 deportistas que participaron nas probas de Media Maratón e 10k. Nesta última, Pablo Ulla (Soutomaior) acadou o primeiro posto con 15 segundos de vantaxe sobre o segundo clasificado.
A proba federada permite o acceso ao campionato estatal, sen embargo o atleta non ten pensado presentarse xa que está centrado nas competicións da súa especialidade que é 1.500 metros en pista curta na categoría sub20. “Esta proba a fixen a modo de adestramento e é un gusto poder facer a ruta polo Lérez”, sinala Pablo.
Acumula numerosos logros coa Sociedade Ximnástica de Pontevedra entre os que se atopa o título de campións galegos de relevo de cross mixto gracias ao que viaxarán ao campionato XLII Cross Internacional de Itálica que se celebra o 16 e 17 de novembro en Sevilla. Os de Pontevedra tamén gañaron o campionato galego de clubs por equipos tanto en pista curta como ao aire libre e este ano Ulla debutou na División de Honra, competición que considera unha “experiencia inesquecible”.
Comezou con 12 anos no Club de Atletismo de Redondela e aos 16 anos decidiu “tomar o deporte máis en serio”. O seu pai foi presidente do CAR e agradece a súa implicación na súa traxectoria deportiva: “Os adestramentos son en Pontevedra e sempre me levou agardando por min máis de dúas horas para que puidera gozar deste deporte sacrificando o seu tempo”, explica.
Agradece tamén a axuda económica que acaba de concederlle o Concello de Soutomaior para que poida custear os gastos que supoñen este tipo de competicións.
Os obxectivos que se marca xunto ao seu adestrador Manuel Hurtado non son a longo prazo e considera que con 18 anos ten moito por aprender. A intención é chegar ás finais nos campionatos de España e superar as súas marcas persoais nun deporte con moita rivalidade e nivel.
A próxima cita que ten programada terá lugar o domingo 27 de outubro en Burgos no XX Campionato Cross Atapuerca, unha mellores competicións do mundo. Será a súa primeira vez neste circuíto de Cross e o seu obxectivo é “probar e pasalo ben nun bo ambiente”.