- Este evento pasou.
Obradoiro de deseño e manexo de bosques comestibles
Outubro 25 @ 08:00 - Outubro 27 @ 17:00
O Sindicato Labrego Galego e COAG organizan un obradoiro de deseño e manexo de bosques comestibles arredor da produción e consumo sostible de alimentos saudables durante os días 25, 26 e 27 de outubro na Horta do Cadaval (Redondela) e que estará impartido polo experto David Botana.
O obradoiro consiste en introducir distintas árbores para crear diversidade e facilitar o manexo e protección do cultivo dos ventos e das pragas nas hortas particulares. A intención é aprender a colleitar de forma sostible e que o ecosistema que se vai creando poida retroalimentarse .
O primeiro día das tres xornadas de aprendizaxe será de teoría para entender o funcionamento deste tipo de hortas e como mellorar o noso entorno, para despois pasar a usar ferramentas de man como fouziños ou gadañas e aprender distintos tipos de podas. Botana sinala que “non é preciso levar material específico, pero si asistir con vestimenta adecuada como roupa cómoda, botas de goma, luvas ou un chuvasqueiro por se chove”.
A actividade está pensada para todas as idades e ten un límite de 25 prazas, polo que é preciso inscribirse con antelación no contacto 986 641 508 / 669 808 418 (WhatsApp) ou no enderezo electrónico condado@sindicatolabrego.gal.