Foto: A alcaldesa Digna Rivas e a edil de Cultura Rita Pérez na presentación do evento
O Concello de Redondela prepara para o 31 de Outubro unha programación pensada para todos os públicos con obradoiros de cabazas, maquillaxes terroríficas, pasarrúas, túnel do terror no paseo do Maceiras e visita guiada ao cemiterio máis bonito de España. Esta última cita é a única que precisa de inscrición previa no teléfono 986401713 ou no enderezo turismo@redondela.gal
A programación comezará cos obradoiros nos Multiúsos de Chapela e da Xunqueira de 17.00 a 20.00 horas. En Chapela os máis pequenos poderán participar o obradoiro “Fai a túa cabaza de Samaín”. Na Xunqueira, ademais do obradoiro de cabazas, tamén haberá talleres de “Maquillaxe de terror” e chapas.
A partir das 18:30 e ate as 21:30 o Paseo do río Maceiras transformarase nun túnel do terror no que os máis atrevidos poderán experimentar un mundo de misterio e suspense. Haberá sorpresas e desafíos a cada paso. Unha experiencia que a concelleira de cultura Rita Pérez cualifica de “intensa”, polo que está dirixida a público a partir dos 13 anos ou menores acompañados dun adulto.
A animación polas rúas correrá a cargo de Troula Animación co seu espectáculo “SubUmbra” que comezará ás 19:30 con saída dende a Praza de Ribadavia. Uns seres descoñecidos que deambulan sen rumbo entre as tebras esperan o seu momento para facerse ver e crear o caos. Polas rúas de Redondela deixaranse ver “Lobisome” e “Nosferatu”, con Rex e Xuno completando esta comitiva das sombras, achegando faíscas, luz e lume ao percorrido.
Visita ao Cemiterio dos Eidos
As supersticións, crenzas e lendas da noite de defuntos cobrarán vida no cemiterio dos Eidos. Nunha visita guiada a partires das 20.00 horas os participantes poderán gozar dos misterios deste fermoso e terrorífico camposanto e coñecer as súas tradicións ancestrais. Actividade para adultos con inscrición previa..
Todas as actividades son de balde. Máis información chamando ao teléfono 986 401 713 ou enviando un correo electrónico a turismo@redondela.gal.
A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que se trata dunha xornada de festa con actividades para nenos e nenas, pero tamén para a mocidade e adultos e cunha programación que se reparte en diferentes localizacións como o Multiusos de Chapela, o Multiusos da Xunqueira, o paseo do Maceiras, o cemiterio dos Eidos e cun pasarrúas que percorrerá o centro da vila.