Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Luz verde ao incremento da taxa do lixo e ao plan de axuste do goberno

pleno lixo

A proposta do goberno (PSOE-AER) contou co apoio do BNG o que lle permitiu sacar adiante os tres puntos que levaba ao pleno extraordinario celebrado no Multiúsos da Xunqueira: a formalización dun préstamo de máis de 750.000 euros para o pago de facturas pendentes, a aprobación dun Plan de axuste esixido polo Ministerio de Facenda e a modificación da taxa do lixo que para os domicilios particulares suporá un incremento dun 40% pasando a pagar cen euros anualmente fronte aos 71 actuais. O PP votou en contra do que cualificou de “tasazo do lixo histórico”.

Tres puntos intimamente relacionados os que se abordaban nesta sesión extraordinaria na que o goberno local puxo sobre a mesa a necesidade de acometer unha serie de medidas económicas para corrixir unha situación que xustificou polos atrasos no pago a provedores “provocados polos problemas informáticos que paralizaron o pago de facturas”.

Unha situación que levou ao Ministerio a esixir ao concello un Plan de Axuste que incluirá entre outras medidas a reducións de determinados gastos (eliminación das horas extras do persoal municipal, suspensión de novas contratacións, unificación de departamentos…) e incremento dos ingresos: aumento da taxa do lixo.

RIta Pérez, PSOE

Un plan de axuste no que se contempla polo tanto incrementar o que se ingresa polo servizo de recollida do lixo, que a día de hoxe lle custa ao concello máis de 2.450.000 euros mentres que a recadacións está en torno aos 900.000 euros. “Unha taxa obsoleta que non se actualiza dende o ano 2001 e que inclúe un incremento dun 40% para as vivendas particulares, que pasarán a pagar 99,7 euros anuais fronte aos 71 que pagan actualmente no caso da recollida diaria, mentres que a recollida non diaria a taxa pasa de 35 a 49,83 céntimos”. O incremento será moito maior no caso de negocios, hospedaxes e outras actividades.

A edil socialista explicaba a proposta de incremento na taxa do lixo

O edil de AER, Roberto Villar apoiaba o punto insistindo na necesidade de incrementar os ingresos nun servizo que é o máis deficitario do concello “a recollida do lixo impide que o concello conte cun millón de euros anuais para destinalos a outros servizos”. Lembraba que a súa formación leva anos avisando da necesidade de aplicar esta suba.

Roberto Villar, AER

Dende o BNG apoiaron tamén a proposta pero criticaron o funcionamento do servizo sinalando directamente á empresa Urbaser que ao seu entender non está traballando de cara a reducir o lixo. Falaba Xoán Carlos González dun “acordo histórico co PSOE para a remunicipalización da recollida do lixo no ano 2027”.

Xoán Carlos González, BNG

Tan só os populares votaron en contra. Foi Javier Bas quen defendeu a súa postura alegando que se trata “dunha suba confiscatoria e recadatoria, un sablazo que só busca paliar a mala xestión económica do goberno e que prexudica especialmente aos pequenos comercios e negocios que como mínimo verán incrementado o seu recibo nun 300%”.

Javier Bas, PP
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará