Ventosela, Negros, Vilar, Soutoxuste… máis aló do centro da vila as parroquias tamén convidan a veciñanza a participar das diferentes actividades que organizan de cara a celebrar o Samaín. Convocatorias en días diversos que buscan tamén non solapar as programacións. De feito, tanto Cedeira como Reboreda xa gozaron desta celebración na pasada fin de semana.
A cultural da Miñoteira organiza este xoves 31 a partir das 18:30 horas unha tarde de festa e propostas para os máis cativos con maquillaxes terroríficas, bailes fantasmagóricos, chuches noxentas, probas endemoniadas, cabazas e moito máis. Unha festa de Samaín que terá lugar na sede da cultural en San Martiño de Ventosela.
Tamén celebra este xoves o noite de defuntos en Santo Estevo de Negros. A Asociación de veciños convoca aos cativos ás 18:00 horas para sair pola parroquia a recoller lambetadas. As 20:30 a cita será no túnel do terror e haberá unha pequeña merendola de blade para a rapazada.
O centro cultural de Vilar de Infesta elixiu o sábado 2 para a celebración do Halloween cun taller de manualidades a partir das catro da tarde onde se elaborará unha bolsa de samaín para ir pedir lambonadas. A saída será a partir das cinco facendo truco e trato pola parroquias. As seis menos cuarto haberá un laberinto do terror e, para recuperar forzas servirase unha merendola terrorífica a continuación. As 19:00 horas a cita será co cine infantil.
En Soutoxuste adiaron as actividades ata o domingo 3 de novembro cunha xornada intensa que arrancará xa ás 14:00 horas cun completo xantar a base de caldo galego e carne estofada. No que se poden apuntar aqueles que o desexen no teléfono 615 599 011 (prezo 25 euros pro persoas, 15 euros menores de 12 anos). Ao longo da tarde haberá concursos de deseño de cabazas e tamén concurso gastronómico onde se premiarán as mellores sobremesas con cabaza ou castañas. A partir das cinco da tarde celebraranse diferentes xogos populares con actividades terroríficas coa Santa Compaña. A música correra a cargo de Marcela Canela.
Máis madrugadores foron tanto en Cedeira como en Reboreda, onde optaron por celebrar esta data na pasada fin de semana para non coincidir con outras convocatorias.