A enseada de San Simón, malia estar incluída en Rede Natura 2000, volve estar en risco. Así o entenden na Plataforma en defensa da enseada quen ven de presentar alegacións contra o proxecto de Delimitación de espazos e usos portuarios (DEUP) da Autoridade Portuaria de Vigo. Un plan que ao entender da Plataforma transformaría a enseada “nunha terceira terminal portuaria o que suporá un elevado tránsito de embarcacións pesadas que é incompatible con usos tradicionais vencellados co marisqueo e a pesca que son os únicos que admite a protección actual”.
O planteamento do Porto, explica o presidente da plataforma Antonio Lores non analiza en profundidade as consecuencias que este plan vai ter na Enseada. Denuncian especificamente a delimitación como zona de servizos das escolleras existentes en Rande “unha medida en previsión da transformación das escolleras en líña de atraque para instalar un novo porto ou terminal. Neste caso, nunha zona protexida pola súa pertenza á Rede Natura 2000 onde tamén están acoutados oficialmente espazos para marisqueo, cría de mexillón e pesca artesanal”
As alegacións presentadas pola plataforma están encamiñadas precisamente a incrementar e concretar a protección que debería contar un espazo das características da Enseada de San Simón. Insisten en que, de aprobarse este DEUP –o que sería o equivalente a un plan urbanístico pero do Porto de Vigo- nos termos que propón a Autoridade Portuaria, “estaríase cometendo unha barbaridade ao permitir entre outras cousas un elevado tráfico pesado” e suporía un novo ataque a este espazo natural.
As alegacións da Plataforma céntranse en tres peticións principais: esixir o saneamento integral da ría que Vigo que a día de hoxe non existe; desafección da enseada do dominio portuario e que se transfira ao dominio público do Ministerio que corresponda e poñer en marcha o plan de xestión da enseada para concretar medidas de conservación e recuperacións dos hábitats protexidos e a biodiversidade que depende deles como o marisco e a pesca
CORTE lores DEUP alegacións
Dende a Plataforma confían en que as súas alegacións teñan unha resposta positiva e lembran que son outros colectivos e incluso administracións as que presentarán alegacións co obxecto de modificar este plan de usos. O prazo para a presentación de alegacións remata o día 30 de outubro.