O grupo foi creado por e para os seguidores do club de balonmán redondelán e ten como obxectivo encher o Pavillón Municipal de A Bomboneira de enerxía e entusiasmo.
En redes sociais indican que “a Peña Vieira fórmase coa misión de reunir a todos os amantes do balonmán e da SAR, dende os máis cativos ata os veteráns, para animar aos nosos equipos, sexa na casa ou onde nos leve o camiño”. Co característico verde, queren ser “o alento que os xogadores e xogadoras precisan para seguir deixando a alma na pista”. Fixeron unha presentación na que se pode ver a máis de 30 persoas vestindo a camiseta oficial na que se pode ver a mascota en forma de vieira que representa ao escudo do club, característico por ter impreso este bivalvo.
Animan a unirse ao grupo de afeccionados , a traer a voz, as ganas, e incluso os bombos para facer máis ruído dende as bancadas. Considéranse unha gran familia unida polo balonmán e o orgullo de pertencer á SAR.