A Concellería de Igualdade oferta 180 prazas para un campamento orientado a nenos e nenas de 3 a 12 anos que se desenvolverá dende o 23 de decembro ata o 3 de xaneiro coincidindo coas vacacións escolares do Nadal. As persoas interesadas deben inscribirse antes do 12 de novembro no Rexistro xeral do Concello.
O obxectivo destes campamentos é o de proporcionar ás familias unha programación educativa e lúdica que lles permita conciliar o coidado dos nenos e nenas cos seus deberes laborais durante o período non lectivo de Nadal. O horario dos campamentos será de 09:00 a 14:00 horas durante os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro de 2024 e 2 e 3 de xaneiro de 2025. A actividade está dirixida á cativada de entre 3 e 12 anos.
O número de prazas ofertadas son 180, repartidas entre as diferentes parroquias do municipio: CEIP Porto Cabeiro 15 prazas, CEIP de Cedeira,15 prazas, CEIP Outeiro das Penas 30 prazas, CEIP Alexandre Bóveda 45 prazas, CEIP Quintela 15 prazas, Sociedade Labrego Cultural de Reboreda 15 prazas e Conservatorio Municipal Víctor Ureña 45 prazas.
A documentación desta convocatoria está publicada na páxina web municipal e pode solicitarse tamén en papel no propio Concello ou nas oficinas do Centro de Información á Muller (CIM).As solicitudes deberán presentarse no Rexistro xeral do Concello. O prazo para a presentación de solicitudes será do 30 de outubro ao 12 de novembro, ambos incluídos.