Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Faustino Otero: “Meu pai xogábase a vida trasladando aos xudeos que chegaban á Portela”  

meirande museo

Foto: Meirande-Museo

A historia do bote “Manuel” será protagonista dun coloquio que se celebra este sábado ás 19:00 horas no museo de interpretación da Batalla de Rande, lugar no que se mostra ao público esta embarcación que arrastra unha apaixonante historia dende a súa construción hai case un século. Nesta actividade, ademais de representantes da asociación Lagoa dos Bébedos, da Federación Galega da Cultura Marítima e da alcaldesa, Digna Rivas, participará o seu propietario, Faustino Otero.

A historia do “Manuel” remóntase a finais da década dos anos 30 do século pasado, cando é construído por encargo de Faustino Otero Lino nunha carpintería de Ribeira en San Adrián de Cobres para o seu uso en labores de pesca pero tamén de transporte de mercadurías e de persoas “sobre todo as que viñan dende San Adrián e Santa Cristina de Cobres a Redondela con motivo da feira de Redondela”. O avó de Faustino Otero, con quen comparte nome e apelido, facía eses traslados e tamén transportaba noutra embarcación animais (ovellas, porcos ou incluso vacas) para a súa venda nunha das feiras de máis renome de toda a provincia naquela altura.

Con todo, os avatares da vida levarían ao pai de Faustino a empregar a embarcación para outros usos como, por exemplo, o transporte de víveres aos presos no cárcere de San Simón, recollendo a súa roupa que era lavada en terra e formando parte tamén dunha rede de solidariedade, xa que á súa casa da Portela chegaban paquetes e cartas que os familiares e amigos enviaban aos presos.

Desa época garda Faustino un agasallo moi especial: unha petilleira elaborada polos propios presos coas iniciais do seu avó.

Un dos episodios máis salientables dos que participou a embarcación foi a colaboración durante os anos 40 co doutor Eduardo Martínez, médico da Embaixada Británica e da Cruz Vermella, no traslado dos xudeus que chegaban á Portela ata os barcos británicos que permanecían fondeados na ría para o seu posterior traslado ao Reino Unido ou Portugal. “Na casa non se falaba moito do tema porque era algo que había que levar en segredo, ante as represalias que podían ter no caso de seren descubertos” explica Otero á hora de rememorar a participación do seu pai nesa arriscada operación.

Xa nos anos 50 o bote “Manuel” participaría nunha das moitas buscas dos tesouros da Batalla de Rande.

A día de hoxe o bote preside a entrada do Meirande, lugar no que repousa logo de ser recuperado polo alumnado do obradoiro de Emprego do Concello de Redondela. Este espazo acollerá o sábado un coloquio no que participarán a alcaldesa, a asociación Lagoa dos Bébedos e Manuel Lara, Emilio Ínsua e Antón Mascato da Federación Galega da Cultura Marítima. O coloquio xirará en torno ao bote e falarase tamén do último número da revista Nova Ardentía “Oficios de escuma”, na que se abordan temas como a carpintería de ribeira, as traiñeiras, os bergantíns negreiros e a fala mariñeira, entre outros moitos temas da cultura mariñeira e fluvial.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará