Máis de 6.000 persoas pasaron a noite xa no albergue no que vai de ano, ó que hai que sumar ós milleiros que o fixeron en pavillóns e establecementos hoteleiros. Desde a Casa da Torre explican que as previsións apuntan a que o número de visitantes seguirá a ser moi elevado no que resta de ano nun edificio que os peregrinos bautizaron como o ” parador” dos albergues.
Con tan só 42 camas dispoñibles a Casa da Torre albergou a máis de 6.000 peregrinos no que vai de ano. A celebración do Ano Santo e a maior promoción do Camiño Portugués fixeron que se superaran todas as previsións, incrementándose o número de visitas con respecto ó ano pasado, de feito foi ano “con máis peregrinos desde que o albergue está aberto”, segundo explica Sonia González, responsable das instalacións. Co cartel de “completo” nos meses de xullo e agosto, a Casa da Torre recibiu tamén a moitos camiñantes “xa desde o mes de xaneiro”, superando o rexistro de todos os anos anteriores. E a previsión apunta a que o número de peregrinos siga a ser elevado ó longo de todo o ano, sobre todo tendo en conta tamén a visita do Papa a Santiago no próximo mes de novembro. De todas as idades e procedencias Non existe un único perfil para os peregrinos que pasan por Redondela, hainos de todas as idades, desde bebés de poucos meses que fan o camiño cos seus pais, ata camiñantes que superan os 80 anos. Se falamos das procedencias, aínda que maioritariamente se trata de españois, o 50% dos viaxeiros chegan doutros puntos do planeta, con peregrinos dos 5 continentes. Sonia González destaca o incremento de alemáns e tamén de viaxeiros da Europa do Leste. E todos coinciden en salientar a satisfacción que supón pasar a noite na Casa da Torre, que xa se coñece entre os peregrinos como “o parador dos albergues”. A comodidade das instalacións, a beleza arquitectónica do edificio e a súa contorna, sumado ó feito de estar situado no centro dunha vila na que contan con todos os servizos, fan deste lugar o albergue preferido polos camiñantes.