Outros 170 operarios foran despedidos xa en agosto pola avaría dunha tuneladora. O BNG denuncia a paralización dos traballos e advirte que o Goberno desvía fondos do AVE a Vigo para as obras do norte de Galicia. Mentres o Ministerio de Fomento garante a obra.
Uns 150 traballadores da tuneladora A Miñoca, a única que funcionaba no Val das Maceiras para facer a entrada do AVE a Vigo, foron despedidos. Hai que sumarlle os 170 traballadores da outra tuneladora, A Lebre, que perderon o emprego en agosto ao avariarse a máquina. O BNG denuncia que estes feitos supoñen a paralización dos traballos no túnel das Maceiras, en Redondela, durante uns seis meses. O Ministerio de Fomento xustifícase alegando que rematou a primeira fase das obras.
O responsable nacional de CIG Construción, Xoán Xosé Melón, denunciou tamén onte a paralización do túnel sen data e advertiu de que se fala de abril ou maio para que no mellor dos casos boten a andar as dúas tuneladoras. Tanto o dirixente sindical como o deputado do BNG Henrique Viéitez alertaron de que todos os tramos están paralizados ou semiparalizados, como sucede coa estación provisional de Guixar, en Vigo. A deputada nacionalista Olaia Fernández solicitou a comparecencia na Cámara do ministro José Blanco para que aclare “se os despedimentos dos traballadores das tuneladoras supoñen a paralización das obras”. Fontes do Ministerio de Fomento explicaron onte que a rescisión de contratos comunicada agora non se debe á paralización dos traballos, senón á finalización dun tramo. Explican que en principio os túneles tiñan unha extensión de 5,5 quilómetros, ampliada posteriormente en 2,5 máis. O feito de que finalice a primeira parte sen que aínda se adxudicou a ampliación é o que obriga á rescisión de contratos por fin de obra. Desde Fomento aclárase que a adxudicación do novo tramo terá lugar nos próximos días e que recaerá na mesma empresa, polo que poderán continuar os mesmos empregados. Un detalle que non convence aos traballadores ao non figurar no seu despedimento.