O BNG denuncia que non soluciona os colapsos nos accesos a Vigo. Os nacionalistas, igual que o Concello e os veciños de Redondela, entenden que a ampliación da AP-9 só creará máis problemas de circulación, ademais de moitos prexuízos na parroquia de Chapela.
O ministro, José Blanco, respondeu esta mañá no pleno á deputada do BNG Olaia Fernández Davila, que o goberno tomou a decisión de dar prioridade a ampliación da ponte de Rande para facilitar a mobilidade na área metropolitana “porque é a máis rápida”. A nacionalista criticou a reposta do titular de Fomento, xa que desde o sur da provincia reclámase desde hai anos unha alternativa “libre de peaxe”, ademais insiste, igual que o Concello de Redondela e os propios veciños, en que a ampliación da AP-9 “non soluciona os problemas de mobilidade na zona nin os colapsos nos accesos a Vigo”. Outro problema engadido é que ampliación suporá graves prexuízos na parroquia de Chapela, cun impacto medioambiental e social elevado.
En canto á demanda do BNG de dar prioridade ás alternativas libres de peaxe, como a A-59 e a A-57, Blanco dixo que estas estradas están “en fase de proxecto” e que por iso o máis rápido é executar a ampliación de Rande. Con todo, recoñeceu que estas alternativas son tamén importantes e que ten “a firme determinación” de aprobalos.