A Casa da Cultura Rexina Míguez Noval acolle este sábado 16 e domingo 17 de novembro as I xornadas sobre recursos naturais e sostibilidade que organiza o concello e que teñen como fin, entre outros temas, debater sobre a xestión sostible dos montes e as comunidades enerxéticas. Unha programación que inclúe unha saída micolóxica, obradoiros para todas as idades, mesas redondela, charlas e música.
A finalidade desta xornadas é a sensibilización e formación para un aproveitamento racional e sostible dos recursos naturais. A partir de investigacións punteiras, de experiencias e boas prácticas de acción colectiva e, da man de persoas expertas, debaterase sobre a xestión sostible dos montes, sobre as comunidades enerxéticas e sobre outros moitos temas que nos darán ideas para implantar esas boas prácticas no noso municipio.
A programación arrancará o sábado 16 cunha saída micolóxica con MycoGaliciaPlantae onde se aprenderá a identificar a tipoloxía de cogomelos, aprenderase a recolectar e darnasea coñecer curiosidades, usos e normativa.
O xornada dominical comezará o domingo ás 11:00h. coa apertura por parte do alcalde Manu Lourenzo e posterior mesa redonda baixo o título “A xestión sostible do monte” onde se exporán as liñas de investigación e control da EEI. Os modelos de participación cidadá no desenvolvemento local tamén estarán presentes tomando como referencia a xestión da Comunidade de montes de Couso que constitúe un dos exemplos máis representativos no sur de Pontevedra. Falarase ademais das xestión de xuntas reitoras desta entidades, da silvicultura preventiva de incendios forestais e exploraremos o concepto de Custodia do Territorio para a restauración ambiental sostible.
Ás 11:15 terá lugar o obradoiro “Estruturas vivas: construción de valados vexetais” para dar paso, a continuación, ao coloquio “Autoconsumo e comunidades enerxéticas”. Ás 13:00h. o protagonista será o obradoiro “Arborea” para a creación dun caderno de árbores autóctonas e bombas de sementes.
Xa pola tarde, ás 16:30h., a xornada retomarase cunha charla sobre “Os coutos micolóxicos” e exposición micolóxica, co obradoiro de “cultivo de cogomelo en troncos” e co obradoiro “collage de cogomelos”. Ás 18:00h. a protagonista será a presentación “O couto de Eirexiña” e o final destas xornadas chegará da man dun magosto e música en directo a cargo da Curtidoira.
Para os obradoiros da xornada, todos eles de balde, precísase inscrición previa que xa poden facer en www.gabinetesoutomaior.com
Dende o concello de Soutomaior animan e convidan a todo o mundo a participar e formar parte destas I Xornadas sobre recursos naturais e sostibilidade.