Hoxe é Venres 15 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A activista Amelia Tiganus ofrece un faladoiro sobre a violencia sexual en internet

52142742638_477758732a_k

Historial de licencias da fotografía

Amelia Tiganus, recoñecida activista e presidenta da Federación Estatal de Mulleres Abolicionistas (FEMAB) ofrecerá un coloquio no auditorio da Xunqueira baixo o título “Xuventude, internet e violencia sexual, quen gaña?”. O faladoiro celebrarase o venres, día 15, ás 19.00 horas con entrada libre. A iniciativa forma parte da programación do 25N de Redondela que se desenvolverá dende o venres 15 ata o 28 de novembro e inclúe conferencias con perspectiva de xénero, performance, obradoiros para o alumnado de institutos e colexios, exposicións, clases de autodefensa, contacontos para os máis cativos e a IV gala dos premios de xornalismo ético Sesé Mateo.

Amelia Tiganus, de orixe romanesa, sobreviviu a trata de mulleres. Aos 17 anos foi vendida a un proxeneta e trasladada a España, onde sufriu explotación sexual durante cinco anos. Tras conseguir saír do sistema prostitucional, reside actualmente no País Vasco desde onde traballa como presidenta de FEMAB. A activista explica para Radio Redondela que a labor da Federación, nada en 2020, é “necesaria para traballar de forma organizada e converterse en interlocutoras políticas válidas”. Gracias a isto participou na resolución do Parlamento Europeo sobre a regulación da prostitución na UE e está en contacto con partidos e asociacións para presionar aos representantes políticos acorde cos intereses que defende.  “A ultima lei de 2022 exclúe a prostitución como violencia contra as mulleres algo preocupante, porque cada vez hai máis nenas autóctonas captadas a través das redes sociais para prostitución”, sinala a activista.

É autora do libro A revolta das putas (2021) que vai pola súa décima edicióne no que, ademais de compartir o seu testemuño persoal, promove o abolicionismo como unha solución para combater a prostitución e trata de mulleres e nenas. Agora está en proceso de divulgación da súa última obra Amelia. Historia dunha loita (2024), un cómic co que pretende achegarse aos adolescentes a través da súa historia real e na que afonda na violencia sexual a través de internet e as redes sociais na procura de fórmulas para educar tanto os rapaces como ás familias. Apunta que neste último libro “fai unha contraposición de como foi fabricada como puta de forma artesanal e como agora mesmo esta fabricación e mercantilización dos nosos corpos dáse de forma masiva a través de internet”.

“Como formadora estou constantemente en contacto con adolescentes nas que identifico que non diferencian a vida real da virtual ”, Amelia Tiganus.

O faladoiro Xuventude, internet e violencia sexual, quen gaña?  segue a liña do seu último libro. Tiganus abordará a educación sexual en internet, destacando como identificar e combater a violencia sexual dixital. Así mesmo, reflexionará sobre a mercantilización do corpo de mulleres e nenas na rede, e as súas consecuencias físicas e psicolóxicas.

“É unha conferencia interactiva na que expoño o marco político para despois achegarme ao público dende a miña propia experiencia e facelo reflexionar”, Amelia Tiganus.

Este evento pretende fomentar a concienciación e o debate sobre a violencia de xénero, especialmente no contexto da era dixital. Compleméntase con outras dúas sesións dirixidas aos IES do Concello no Auditorio do Múltiusos da Xunqueira baixo o título de  Amelia. Historia dunha loita, polo que gradece o traballo feito polos docentes para que o público poida comprender mellor a súa mensaxe.  

A charla de Amelia Tiganus é unha oportunidade para profundar nos desafíos e solucións na loita contra a violencia sexual, e busca involucrar tanto á mocidade como ás persoas adultas na creación dunha contorna máis segura e equitativa. Na súa mensaxe para este 25N reivindica a importancia de involucrar aos homes e nenos nesta loita e denuncia que as mafias utilizan o porno para que os mozos “desconecten da súa capacidade innata de ver ás mulleres como seres humanos” e critica a “normalización de condutas perigosas” a través das redes sociais.

Mensaxe de Amelia Tiganus na reivindicación do 25N.

O coloquio “Xuventude, internet e violencia sexual, quen gaña?” celebrarase mañá ás 19.00 horas no Auditorio do Multiúsos da Xunqueira con entrada libre.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará