Hoxe é Sábado 16 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Valencia agradece o labor solidario dos voluntarios da Policía Local de Redondela

benetússer

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Interior e Seguridade, Rita Pérez Táboas, recibiron no Concello aos axentes da Policía Local que durante máis dunha semana traballaron nas tarefas de seguridade e limpeza na localidade valenciana de Benetússer, na zona cero da DINA.

O xefe do corpo, Xosé Delmiro Pampillón, e o axente Obdulio Iglesias explicaron que regresaron “esgotados e coa inmensa aprendizaxe” que lles deixa esta experiencia. “Traballar día a día cos compañeiros da policía de Benetússer e ver como se xestiona e se coordina unha catástrofe desta magnitude é unha gran lección que non se aprende en ningún outro sitio”, sosteñen Pampillón e Iglesias.

Da comunidade valenciana regresaron con dous agasallos: unha gran bandeira do municipio de Benetússer asinada pola alcaldesa da localidade, Eva Sanz, co seu agradecemento, e unha bandeira da comunidade valenciada cunha dedicatoria especial do xefe da Policía Local, Paco Márquez, “para os seus heroes particulares” aos que xa consideran “amigos para sempre”.

Tanto a policía local de Redondela como voluntarios de Protección Civil levaron tamén á zona afectada as doazóns recollidas no Multiúsos da Xunqueira: alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene, material de limpeza e roupa e outros produtos de primeira necesidade. A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu aos axentes da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil “o seu traballo e entrega” e tamén “a axuda do pobo redondelán e das empresas que colaboraron e que son un gran exemplo de solidariedade”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará