Esta segunda limpeza anual comezou en setembro e rematará antes de finalizar o ano. Inclúe a retirada de todo o lixo acumulado nas beiravías co obxecto de garantir unha boa evacuación da auga e evitar asolagamentos na época de chuvias.
Os traballos de roza de camiños municipais están a realizarse por fases nas diferentes parroquias de Redondela. A empresa Naturgalia, adxudicataria do servizo, realiza desde setembro a segunda campaña anual de limpeza. Os traballos inclúen tanto a retirada da maleza e restos vexetais como a limpeza a fondo das cunetas con maquinaria especializada. A brigada retira todo o lixo acumulado nas beiravías para permitir unha boa evacuación da auga. Os operarios limpan os caños e sistemas de drenaxe obstruídos por vexetación ou outros residuos. Isto evitará atascos e facilitará a evacuación da auga da chuvia.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que se trata duns traballos “moi necesarios” xa que hai máis dunha década que non se realizaba unha limpeza a fondo das cunetas e salienta que é a primeira vez que as tarefas de roza e limpeza se realizan dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela. A primeira fase realizouse entre xuño e agosto. A segunda limpeza é a que está a facerse actualmente e rematará antes de que finalice o ano.
O contrato, por dous anos, licitouse á empresa Naturgalia por un importe de 989.268 euros. O contrato podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual, ata un importe máximo de 1.978.536 euros para os catro exercicios.