Foto de Patry Rivas
As mozas de DHPF da SAR Rodavigo caeron na casa contra o BM Sanse cun resultado axustado. En Primeira Autonómica, as sénior do BM Chapela perdían fronte ó Guardés e As Choqueiras de Redondela, en Segunda Autonómica, tamén caían contra o UB Lavadores Vigo B.
División de Honra Prata Feminina
SAR RODAVIGO – BM SANSE (28-30)
Durante a primeira metade, o equipo visitante logrou manterse sempre por diante no marcador, aínda que con vantaxe moi pequena. A pesar dos intentos das xogadoras locais por equilibrar o partido, o descanso chegou cun 13-15 en contra. Na segunda parte, o BM Sanse ampliou a súa vantaxe ata un 18-25 no minuto 48, aproveitando un momento de desacerto das de Redondela. Con todo, reaccionaron con forza nos últimos minutos e recortaron distancias ata quedar a só dous goles de diferenza. En redes sociais expresaba o club que “a pesar do esforzo, o tempo non foi suficiente para completar a remontada”.
A próxima xornada viaxarán a Madrid para enfrontarse a outro equipo madrileño, o Balonmán Leganés.
Primeira Autonómica
BM CHAPELA CÍES OBRA CIVIL – MECALIA ATLET. GUARDÉS (21-24)
O equipo sénior feminino do BM Chapela caeu fronte ó Guardés na casa, nun encontro no que loitaron ata o final e cunha segunda metade prometedora. A pesar do esforzo chegaron a un resultado final de 21-24.
Desta forma, sitúanse de pechacancelas do grupo e a próxima fin de semana visitan ao Carballal.
Segunda Autonómica
AS CHOQUEIRA DE REDONDELA – UB LAVADORES VIGO B (25-38)
As Choqueiras de Redondela tamén xogaron na casa contra o UB Lavadores Vigo B no Pavillón de A Marisma. O enfrontamento resultou en derrota para as anfitrioas cun resultado de 25-38. Nas tres xornadas que van de liga aínda non conseguiron sumar ningún punto sitúanse de últimas na clasificación, pero aínda queda moita tempada por diante e todo pode cambiar.
A próxima fin de semana visitan o Avatel Balonmán Tui no Pavillón deportivo Municipal Gustavo Rodríguez.