Hoxe é Xoves 21 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chapela recolle sinaturas para esixir a Adif medidas para minimizar os ruídos e as vibracións do tren

tren1

A veciñanza asegura estar farta da contaminación acústica e as vibracións que ocasionan os trens que pasan ao carón das súas vivendas e que lles prexudica “física e mentalmente”. Logo de reunir máis de mil sinaturas entre a veciñanza, que serán trasladadas tanto a Adif como o propio concello, este venres volven reunirse para trasladar aos veciños todo o feito ata o de agora así como analizar os pasos a dar a continuación. Será ás 20:00 horas no local de Agarimo.

O paso de trens pola vía que cruza a parroquia de Chapela dende a zona industrial de Pescanova ata as Catro Pontes ten unha repercusión moi negativa nunha zona moi poboada. Estímase que son uns tres mil os veciños afectados, sobre todo, naquelas zonas nas que a separación das vías dos edificios é moi reducida.

Unha situación que ten empeorado notablemente nos últimos anos onde se ten triplicado o número de trens que circulan por esta vía “pasamos de cen trens mensuais e uns 300, principalmente de mercadurías que son os máis longos –de 400 metros- e ruidosos” explica unha veciña da zona do Cubillón.

Unha circulación que provoca ruídos e vibracións que molestan á veciñanza que reside en zonas próximas. A contaminación acústica é especialmente molesta en horario nocturno provocando un malestar xeral ao non permitir aos veciños conciliar o sono. Pero tamén hai vibracións continuas que están prexudicando á estrutura dos edificios.

Ante esta situación, e tras unha primeira asemblea, os afectados puxeron en marcha unha recollida de sinaturas que xa logrou o apoio de mil veciños e veciñas. Sinaturas que agora entregarán tanto no concello como en Adif para reclamar que adopten medidas correctoras que pasan por “colocar barreiras acústicas antivibratorias, que se reduza a velocidade dos trens nos tramos próximos ás vivendas e que o organismo competente teña un mantemento axeitado das vías para reducir os ruídos e as vibracións”.

Os e as afectadas reuniranse este venres 22 ás 20:00 horas no local de Agarimo para explicar o feito ata o de agora e consensuar novas iniciativas. Convidan a toda a veciñanza a achegarse. 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará