Hoxe é Luns 25 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Xornalistas premiadas co Sesé Mateo: “Hai que fuxir do sensacionalismo e non revitimizar á vítima”

sesemateo acto

A violencia de xénero é unha problemática complexa que merece unha atención respectuosa e profunda por parte dos medios de comunicación. Con esa premisa traballan as xornalistas Macarena Baena e Laura de Grado que este sábado recollían o IV Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético pola súa reportaxe multimedia “Desprotexidas. A realidade das mulleres migrantes vítimas de violencia de xénero en España”, publicado na plataforma Efeminista da axencia EFE.

Un traballo no que investiron horas e horas de elaboración co obxecto de analizar a temática dende un punto de vista multidisciplinar, achegando datos, recollendo declaracións de expertas e contando tamén con declaracións en primeira persoa que puideran trasladar a realidade das mulleres migrantes que padecen a violencia de xénero “mulleres que ademais de sufrir violencia machista son tamén vítimas de violencia institucional, racismo e unha desprotección sistemática pola súa situación irregular”.

Laura de Grado, coautora do traballo premiado

As gravacións que se poden ver na reportaxe cumpren os requisitos que esixe o premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético: sensibilidade e empatía á hora de tratar a vítima fuxindo do sensacionalismo, protección da identidade evitando revelar informacións innecesarias ou detalles personais que non contribúen ao interese xornalístico, contextualización da violencia machista que sofren as mulleres migrantes e as particularidades que a rodean e inclusión de declaracións de expertas.

O obxectivo último e que ningunha outra muller teña que vivir o mesmo tal e como explicaba nos nosos micrófonos Laura de grado

Unha reportaxe que optou polo formato multimedia e a difusión en redes para tratar de dar a maior difusión posible conscientes de que se trata dun tema as veces pouco atractivo para o público en xeral pero que é preciso abordar e dar a coñecer para sensibilizar sobre a violencia de xénero, en xeral, e sobre a violencia cara as mulleres migrantes. Confían en que este premio sirva tamén para darlle unha segunda vida a unha reportaxe que foi posible grazas a un traballo colaborativo 

As premiadas recolleron o premio nun acto celebrado este sábado na oficina de turismo de Redondela no que a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa sinalou que o traballo elixido polo xurado pon o foco nas propias vítimas “mulleres invisibles que sofren marxinación e violencia polo feito de ser mulleres, o que se grava pola súa condición de estranxeiras e sen recursos”.

A alcaldesa lembrou o obxectivo do premio “recoñecer a ética á hora de tratar informacións relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e respectando a intimidade das vítimas e as súas familias”.

O acto, no que participou tamén Joshua Alonso Mateo (fillo de Sesé Mateo) contou cunha charla coloquio co título “Os medios de comunicación como axentes do cambio” con Ana González Liste, gañadora do III Premio Sesé Mateo, e Diana López Varela, xornalista e escritora e a lectura de poemas do libro de Sesé Mateo “Polo camiño do vento” a cargo de Mar Núñez.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará