Soraya Lemas será a encargada de conducir hoxe xoves ás 18:30 horas no Multiúsos do Piñeiral a actividade “Aitana e a avoa e outros contos violetas” enmarcada na programación do Concello polo 25N. O venres a cita será con Ángeles Goás e o espectáculo Contos de Igualdade (para non perder) na Escola Infantil de A Marísma, actividade que organiza a Federación de Anpas.
As conmemoracións en torno ao 25N chegan ao seu remate con dúas propostas pensadas para os máis cativos. Así, esta mesma tarde ás 18:30 chega a Chapela “Aitana e a avoa, e outros contos violetas”, un contacontos pensado para rapazada a partir de 3 anos no que aprenderá cancións e xogos da tradición oral que dormen agochados na memoria das súas nais e avoas.
O venres a Escola Infantil de A Marisma acolle este ás 17:30 horas o espectáculo Contos de Igualdade (para non perder), un emocionante espectáculo de narración oral que fomenta a reflexión e o diálogo sobre a igualdade de xénero.
Con historias que destacan mulleres fortes, activas e intelixentes, esta actividade, dirixida a público infantil a partir de 4 anos, busca potenciar unha educación en valores. O obxectivo é non perder ningunha oportunidade para seguir avanzando cara a un futuro con iguais oportunidades para todas e todos.
Unha actividade organizada pola Federación de Anpas de Redondela e que correrá a cargo de Ángeles Goás quen se encargará a través destes contos de lembrar o conseguido e o que aínda queda por lograr no camiño da igualdade.