O pleno de Soutomaior aprobou, cos votos a favor do goberno e a abstención do PP, unha ordenanza municipal que busca fomentar a boa convivencia e civismo no día a día do concello. A ordenanza susténtase en tres grandes eixos de actuación: a conservación dos espazos públicos e o mobiliario urbano, a regulación do uso privativo destes espazos públicos e, por último, as obrigas que recaen sobre as persoas con animais domésticos.
As sancións aplicables van dende un mínimo de 100 euros ata un máximo de 800 e imporanse en función da gravidade das faltas cometidas e da reiteración das mesmas. Entre os exemplos deses comportamentos incívicos resaltan tirar cabichas ao chan, non recoller os excrementos dos animais domésticos ou depositar residuos en zonas non permitidas.
Esta ordenanza beneficia tanto ás persoas individuais que se comportan de maneira exemplar no seu día a día como ao comercio local e á imaxe que traslada cara ao exterior. As cuestións recollidas no texto, afirman dende o Concello “xeran un importante consenso social e foron compartidas coa veciñanza a través do tecido asociativo, cultural e económico, que nos trasladaron as súas inquedanzas e suxestións para que nós agora as poñamos sobre o papel”.
Neste sentido, o alcalde fixo un chamamento a que a ordenanza poida seguir evolucionando para fomentar aínda máis a boa convivencia “trátase dun documento vivo e, como tal, estamos abertos a estudar calquera modificación, sempre e cando entendamos que sexa beneficiosa para a veciñanza de Soutomaior e avanze no camiño de impulsar o civismo na nosa sociedade”.