Unha carpa en Talo Río acollerá as principais actividades de Nadal de Soutomaior que comeza oficialmente o vindeiro sábado co acendido das Luces e un concerto a cargo de Uxía Lambona e a Banda Molona. As actividades prolongaranse ata o 6 de xaneiro e inclúen visita do Apalpador, de Papá Noel e recepción e Cabalgata de Reis. O goberno local salienta as celebración en torno ao fin de ano con festa o día 31 amenizada por La Yaya” e actividades para todos os públicos nos días previos.
O lema deste ano é Vivir o Nadal en Soutomaior e inclúe tamén campañas de promoción e dinamización económica, Nadal no peto, co obxecto de incentivar o gasto no comercio e hostalería local destinando 1500€ repartidos en quince premios de 100 euros que se sortearán entre as persoas que realicen unha ou varias compras por valor mínimo de 20€ nun establecemento comercial ou hostaleiro do Concello de Soutomaior (compras desde o 4 de decembro de 2024 ata o 6 de xaneiro de 2025, ambos incluídos).
En canto a programación cultural e festiva arrancará o día 7 co acendido das luces o día 7 que chegará precedido dun concerto de Uxia Lambona e a Banda molona ás 17:30 horas na Alameda de Talo río, lugar no que haberá tamén un karaoke con chocolate de balde a partir das 19:00 horas.
A programación seguirá o día 19 co espectáculo O apalpador e as palabras perdidas da Xanela do maxín e cursos de risopercuterapia para maiores o 16 e o 19 de decembro.
Sinalado tamén o día 20 cun mercadiño de segunda man en talo ría durante toda a tarde para a venda e intercambio de obxectos en bo estado para darlle unha nova vida, un concurso de doces de Nadal e, para finalizar a xornada, unha sesión karaoke bautizada como “ghastas pista”.
O día 21 o Apalpador visitará os barrios de Soutomaior e terá lugar o mercado de Nadal así como o espectáculo “O Apalpador presenta cantos, contos e castañas” con Servando Barreiro e Anxo Moure.
San Silvestre e Festa fin de Ano
O día 29 terá lugar outra das citas máis salientables, a San Silvestre. Na mesma xornada terá lugar o Baile de Nadal para os maiores de 65 anos. Un baile que estará amenizado polo Trío Azbache e que se desenvolverá na Casa do Pobo do Val Sobral. Este baile será totalmente gratuíto e contará con cotillón e cholocatada. As persoas interesadas en asistir o único que terá que facer é inscribirse en liña dende o 9 ata o 20 de decembro.
Tras esta celebración chegará a quenda das e dos máis peques, para elas e eles a cita estará centrada no propio día de fin de ano co espectáculo de “Prebadaladas” de PeterPunk. Un evento que se desenvolverá na Alameda de Talo Río en horario de 17:30 a 18:30h. Un espectáculo destinado ao público familiar e onde as e os peques rematarán o ano cun grande divertimento grazas ás peripecias deste clown.
E para rematar, chegará a Gran Festa de Fin de ano, que terá lugar na noite do día 31 de decembro na Alameda de Talo Río. Unha cita de balde que estará protagonizada por “La Yaya” DJ baixo unha carpa climatizada, roupeiro, cotillón, nobingo musical e moito máis… Unha celebración que dará comezo a partir das 00:45h.