Hoxe é Mércores 4 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Andaina tingue a “paraguada” de negro para denunciar a vulneración dos dereitos das persoas con diversidade funcional

IMG20241203124817

A Praza do Concello foi o escenario do acto reivindicativo organizado por Andaina con motivo do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, celebrado o 3 de decembro. A asociación, en colaboración cos centros escolares e o Concello de Redondela, tomou as rúas para denunciar a segregación que sofren as persoas con diversidade funcional, baixo o lema “Máis dereitos e menos favores”.

Durante a xornada, instalaron unha mesa informativa nas portas do Concello, onde se ofreceron materiais artesanais. Posteriormente, desprazáronse ao Salgueiral para inaugurar un “semáforo adaptado”, no que colocaron unha placa informativa con pictogramas. Este elemento busca mellorar a accesibilidade cognitiva, facilitando a comprensión ás persoas que empregan Sistemas Alternativos e Aumentativos de Comunicación (SAAC), así como a persoas con autismo ou dificultades de linguaxe, entre outras. O proxecto, enmarcado na iniciativa “Redondela Accesible”, contou coa colaboración do Concello de Redondela.

Directiva de Andaina, xunto coa alcaldesa Digna Rivas e a Concelleira Iria Vilaboa.

Ás 12:15, de regreso á Praza da Casa Consistorial, procedeuse á lectura do manifesto. Lara e Raquel, nais e directivas da asociación, abriron a intervención reivindicando dereitos en ámbitos como a educación, a sanidade, o deporte, o emprego e a sociedade. Destacaron especialmente a necesidade de reforzar a figura do asistente persoal, sinalando que “Galicia está moi por detrás doutras comunidades autónomas nesta materia, e as poucas persoas que dispoñen dun asistente persoal apenas teñen horas subvencionadas”, segundo explicou Lara.

No ámbito da educación, Raquel denunciaba que “cada setembro vémonos obrigados a reclamar os recursos necesarios para ensinar en diversidade, algo que lle corresponde as persoas por lei”. Desta forma poderían escolarizarse na súa zona, cos seus veciños e veciñas e non terían que recorrer quilómetros para poder entrar en centros onde poñan os recursos que precisan.

“Seguen vulnerándose os dereitos na sanidade”, proseguía Raquel. Recentemente tiveron que reclamar docentes na unidades infanto-xuvenil do Cunqueiro para a rapazada hospitalizada porque os suprimiron. “Seguimos tendo que visitar outras cidades en busca de centros onde poidan atender a persoas con diversidade. Séguese falando coas familias sen considerar a presencia do adulto con discapacidade, sen adaptar a consulta a súa comprensión”, Andaina.

Falaron da necesidade de crear  vivendas comunitarias, onde poidan desenvolverse como persoas plenas nas súas tarefas diarias como calquera persoa. “Deixando así de ser considerados como nenos pequenos e tendo en conta a súa opinión. TEMOS QUE DEIXAR DE INFANTIZALOS”, Andaina.

O manifesto tamén contou coa participación do alumnado do CEP Santa Mariña e do IES Illa de San Simón. Os estudantes de quinto de primaria fixeron un chamamento por “unha sociedade máis xusta e igualitaria, onde a diferenza nos fai máis creativos e fortes”.

Os estudantes do instituto aportaron a súa versión dunha canción de Carlo G á que lle cambiaron a letra e titularon “Mira ao teu lado” e que di:

Mira ao teu lado,

Todos estamos aquí contigo,

Somos únicos, cada un no seu propio camiño

Ben diferentes, ei!

……

Niguén vai sumar coma vós

Ninguén vai brilar coma vós

Ninguén sorrí así coma vós

No mundo sodes ilusión

…..

Coa forza que temos todos nós, un mundo novo imos soñar.

Hoxe celebramos unidos,

Porque xuntos imos mellor.

O alumnado de Andaina quixo poñer tamén voz as súas reivindicacións.

A última en falar foi a alcaldesa, Digna Rivas, quen demandou que os dereitos das persoas con diversidade funcional se cumpran en todos os eidos, e esixiu á Xunta de Galicia unha maior implicación en materia de ensino para unha integración “real” de todo o alumnado.

O acto concluíu cunha “paraguada de loito”, onde, ademais dos habituais paraugas de cores, incluíron paraugas negros como símbolo de protesta polos dereitos vulnerados das persoas con diversidade funcional. A xornada estivo amenizada pola Rondalla de Ventosela, que foi destacada como exemplo de convivencia, xa que entre os seus membros hai socios de Andaina.

OUTRAS DAS REIVINDICACIÓNS DO MANIFESTO

O dereito á accesibilidade continúa sendo vulnerado de maneira constante. Son numerosas as beirarrúas nas que resulta imposible transitar en cadeira de rodas ou para persoas con mobilidade reducida. Desde Andaina tamén sinalan que persiste a vulneración do dereito ao aparcamento nas prazas reservadas para mobilidade reducida, sendo ocupadas de forma diaria por persoas que non as precisan.

“A accesibilidade cognitiva non existe nin se comprende na sociedade”. Poñen como exemplo a campaña de pictogramas realizada polo Concello e reivindican a necesidade de ofrecer textos en lectura fácil nas webs e documentos oficiais.

DEPORTE

“Son moi poucos os clubs que contan nas súas filas ou no seu deporte base con rapaces con discapacidade”, explican desde Andaina. Aínda hoxe, as persoas con discapacidade continúan tendo que practicar deporte en grupos segregados e sen contar con monitoraxe especializada.

EMPREGO

Cada vez son máis as empresas que apostan pola contratación de persoas con diversidade, pero a maioría son pequenas e medianas empresas. O emprego con apoio está a aumentar, pero os porcentaxes continúan sendo moi baixos. “Non se quere apostar polas súas capacidades nun mercado laboral no que só se valora o rendemento económico. Ademais, as grandes empresas non cumpren a lei que establece un porcentaxe mínimo de empregados con discapacidade”, aseguran desde Andaina.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará