Os populares celebraron onte unha reunión para trasladar aos comerciantes a súa intención de “loitar ata o final” para tratar de frear a “suba estratosférica” da taxa do lixo. Amosan a súa confianza en que os servizos xurídicos do Concello teñan en consideración as súas alegacións e paralicen un incremento xa aprobado inicialmente en pleno cos votos de PSOE, BNG e AER.
O PP de Redondela amósase satisfeito pola afluencia de veciños e veciñas que acudiron a asemblea convocada onte co “obxecto de informalos sobre as nosas propostas de alegacións contra este incremento e recibir as súas suxestións”. Apunta o voceiro do PP, Javier bas que “recollemos a súa indignación, que compartimos plenamente, e lamentamos que se estea a perpetrar unha confiscación dos petos dos veciños e comerciantes só para tapar os buratos da pésima xestión económica do goberno local”.
Insisten en que “loitarán ata o final” con todas as ferramentas administrativas e co seu traballo político para tratar de frear a suba estratosférica das novas taxas da ordenanza de limpeza e recollida, transporte e tratamento de lixo, cunha suba media do 165%, pero que grava sobre todo ao pequeno comercio con incrementos de máis do 300% segundo o caso. Uns comerciantes especialmente castigados “xa que en moitos casos grávaselle de xeito inxusto, pois se trata de negocios que, pola súas características, apenas xeran residuos orgánicos”.
Unha xuntanza que forma parte dunha campaña informativa do PP sobre este asunto e que chegou precedida do reparto de folletos monográficos sobre este tema polos establecementos.
Mentres o goberno xustifica esta suba debido ao incremento do canon que o concello vai ter que pagar a Sogama pola recollida e xestión dos residuos “que pasou de 66 euros por tonelada a 88 euros en 2024, e chegará ata os 108 euros en 2025”, dende o PP insisten en que moitos concellos da contorna, de distinto tamaño e gobernados por diversas opcións políticas, como Poio, Pontevedra, Marín, Barro ou Vilaboa, “van manter conxeladas as taxas de lixo para 2025, polo que esta medida anti-veciñal que quere facer o multipartito de Redondela só se entende como un despropósito e só se basea nas fortes débedas e millonarias facturas impagadas do goberno de Digna Rivas”.