Lara Álvarez, actriz de 25 anos de Chapela, comeza a destacar no mundo da interpretación grazas ao seu papel de Catu na webserie “Pringadas” (Producións Brava). A serie, que narra as peripecias de tres compañeiras de piso, converteuse nun auténtico éxito entre o público xuvenil galego e a crítica nacional. A primeira tempada, dispoñible na plataforma AGalega da CRTVG, causou unha gran impresión, sendo incluso galardoada como Mellor Serie Galega no Carballo Interplay 2021.
Belén Puime, na dirección, e Bea Villar, na produción, son as creadoras de Pringadas, que naceu como unha webserie independente impulsada polo recoñecemento no Carballo Interplay. “Coñecéronse na universidade e foron elas as que deron o primeiro paso, grazas ás cales estamos aquí hoxe”, comenta Lara.
A serie segue a historia de tres mozas —Xoana, Antía e Catu—, que, mentres se enfrontan ás dificultades de pasar da adolescencia á vida adulta, deben aprender a convivir, tomar decisións difíciles e asumir os seus erros. Lara Álvarez, xunto ás actrices Carmela Vázquez e Camila Ferreyra, interpreta un dos papéis principais, o de Catu, nunha trama que explora temas como a sexualidade, os coidados e as relacións persoais. A actriz redondelá comenta que “nos sentimos moi identificadas coas nosas personaxes e foi moi fácil traballar xuntas”.
Pringadas non só destacou pola súa trama entretida e realista, senón tamén polo seu impacto no panorama audiovisual galego, representando as problemáticas e historias da “Xeración Z”. Tras o éxito da primeira tempada, a CRTVG anunciou a renovación para unha segunda entrega, xa dispoñible na súa plataforma online. “A segunda tempada céntrase nas relacións sexuais abertas e na exploración, e tamén aborda os abusos de poder que poden exercer os homes sobre mozas novas”, sinala Lara, que describe a serie como “feminista e con mirada feminina”.
Lara, graduada na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, está a dar os seus primeiros pasos cara a un futuro prometedor no cine e na televisión, consolidándose como unha das actrices máis prometedoras do panorama galego actual. Explica que Pringadas é a súa primeira serie, pero que xa ten experiencia noutros proxectos, como Brotes de Jorge Fernández ou a webserie ‘A moza que abortou e o contou’ de Rosalía Quiroga e Eire Cid, baixo a produción de Brava.
A súa actuación en Pringadas non só lle permitiu gañar recoñecemento como actriz, senón que tamén destacou por formar parte dun proxecto que foi finalista aos Premios Mestre Mateo e nomeado a Mellor Serie Española.