Fotos de Cuchi
Redondela celebrou o inicio da súa programación de Nadal cun éxito rotundo de participación. A veciñanza encheron as rúas do centro da vila para gozar dun día repleto de actividades familiares, marcando o inicio oficial da tempada festiva no municipio e cunha programación que se estenderá ata o 5 de xaneiro.
O programa arrancou ás 19:00 horas cun pasarrúas polo centro da vila, organizado pola compañía Yera (Granda). Con figuras de marionetas xigantes que representaban as tradicionais “Meninas” e música especialmente creada para a ocasión, o espectáculo itinerante percorreu as principais rúas de Redondela, facendo as delicias dos máis pequenos e das súas familias. O público non só se deixou levar polo espectáculo visual, senón tamén pola sorprendente presenza da Coca Simona, que se uniu ao percorrido desde a Praza de Ribadavia, creando unha atmosfera máxica e festiva.
Ás 20:00 horas, e con toda a vila inmersa no espírito de Nadal, tivo lugar o tradicional acendido das luces. A iluminación decorativa abarcou non só o centro da vila, senón tamén as parroquias do municipio, engalanando rúas, prazas, alamedas, xardíns e incluso elementos emblemáticos como o mercado municipal ou o antigo viaduto. A luz e a cor encheron de protagonismo un ambiente festivo que se espallou por todo o municipio, onde tamén destacou a “neve” en forma de escuma lanzada dende o balcón dos soportais do Concello.
A Concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, destacou a importancia deste evento como un momento de encontro para a veciñanza e subliñou que este tipo de iniciativas culturais “foron pensadas para todos os públicos, pero especialmente para os máis pequenos”. Pérez tamén destacou a programación enfocada en achegar a cultura ás parroquias do municipio, como o II Ciclo Infantil Interparroquial “Queremos galego”, que terá lugar entre o 22 de decembro e o 4 de xaneiro, cunha serie de funcións de teatro infantil en diversos centros culturais. Entre os artistas que participarán nesta cita figuran nomes como Brais das Hortas, Ártika Teatro, Pakolas e Os Bolechas, entre outros.
Outro dos puntos destacados deste Nadal será a visita de Papá Noel ás Alamedas de Redondela e Chapela, onde agardan a súa chegada con ilusión os máis pequenos. Tamén a Cabalgata de Reis, que, como adiantou Rita Pérez, promete sorprender cunha edición “diferente”, mantendo as tradicionais carrozas pero incorporando novidades.
A pesar de non celebrar a verbena habitual que en anos anteriores amenizaba a véspera de fin de ano, o goberno local apostou por unha programación centrada nas actividades culturais e para as familias. Deste xeito, o día 31 de decembro, a Praza da Constitución acollerá unha festa para os nenos e nenas con Paco Nogueiras, mentres que en Chapela, a Festa Pre Fin de Ano infantil terá lugar na Alameda Rosalía de Castro, tamén o 31, con animación da Disco Móbil de Nadal.
O éxito da xornada de acendido das luces de Nadal en Redondela é un reflexo do interese que estas actividades culturais están a xerar na veciñanza, que cada vez se implican máis na celebración dun Nadal familiar, cultural e cheo de ilusión.