O técnico de normalización de Redondela ven de facerse co Premio de Investigación Ramón Baltar Feijóo por unha obra sobre Antolín Faraldo. “Querida Liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento: Antolín Faraldo” é unha obra que aborda, por vez primeira dun xeito integral, a vida e a obra de Antolín Faraldo, a voz de toda unha xeración, a alma da revolución de 1846, unha figura case mítica no imaxinario galego e que hoxe aínda segue a ser un gran descoñecido.
Este galardón recoñece obras que teñan que ver co fondo documental do Arquivo Baltar Feijóo, que acolle máis de 400 documentos desde o Rexurdimento até a Xeración Nós.
O xurado do premio destacou a alta calidade dos traballos presentados e salientou a singularidade do asinado por Xurxo Martínez González, que fai unha relectura do protonacionalismo e do papel de Antolín Faraldo, líder da revolución galega de 1846, que “incorpora o nacionalismo ou protonacionalismo á tarefa da loita polas liberdades no seu tempo, contra o absolutismo, ademais de recoller textos dispersos e descoñecidos de Faraldo”.
No 200 aniversario do seu nacemento, ‘Querida liberdade’ aborda, por vez primeira dun xeito integral, a vida e a obra de quen Manuel Murguía definiu como «el primero y el mejor»: Antolín Faraldo, a voz de toda unha xeración, a alma da revolución de 1846, unha figura case mítica no imaxinario galego e que hoxe aínda segue a ser un gran descoñecido.
Querida Liberdade contén, por unha banda, un amplo estudo introdutorio, a cargo de Xurxo Martínez González, que nos mergulla de maneira trepidante nunha época tan apaixonada: con ritmo, estruturado en breves epígrafes e cunha clara vontade didáctica e divulgativa. Tras el, unha completa antoloxía con 45 artigos de Faraldo.
O xurado estivo formado por Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega; Francisco Prado Vilar, historiador; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijóo; Lydia Fontoira, profesora da USC e secretaria do premio; ademais de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.
A entrega do premio, que é honorífico (diploma e insignias da Casa de Rosalía), terá lugar no transcurso dun acto a celebrar no auditorio da Casa-Museo de Rosalía este mes de decembro.