Foto de @SandraGardini
Beatriz Queiro, do Ximnasio Escola Omnihum de Redondela, acaba de acadar a medalla de bronce no Mundial de Poomsae de Hong Kong. A taekwondista galega competiu xunto ao catalán José Manuel Marín en parella na categoría + de 60 anos, ambos membros da Selección Española. Malia que comezou no mundo do deporte por necesidade e para coidarse fisicamente, agora pode dicir que está no camiño de chegar a ter un ouro a nivel mundial.
Queiró e Marín aseguraron a medalla tras superar na semifinal a Canadá. Posteriormente enfrontáronse a Alemaña, que finalmente acadou o ouro no Mundial. Foi unha loita moi axustada, xa que o equipo español empatou a puntos no primeiro poomsae e so caeu no segundo resultando nunha diferenza co rival de a penas tres centésimas. “Eramos 14 países distintos na nosa categoría e miles de persoas acudiron o evento”, sinala Queiro.
A deportista redondelá foi seleccionada aos 62 anos para competir no Mundial, pero non é esta a súa primeira participación nun evento deste nivel. Despois de case 30 anos practicando este deporte, engádese ao seu extenso palmarés o título de terceira do mundo, que se suma a outros importantes logros. Ao longo da súa carreira, obtivo tamén un bronce no Campionato de Europa de Poomsae de 2015 e participou no Campionato Internacional de México en 2014, sendo esta a súa segunda convocatoria para a cita. Nesa ocasión, Queiro alcanzou a final, onde logrou o quinto posto. “Comecei a practicar esta disciplina aos 27 anos por cuestións de saúde, debido a dores nas pernas, e continuei non só polos beneficios físicos, senón tamén porque son unha persoa competitiva”, explica.
O seu obxectivo é seguir sumando títulos para o seu ximnasio, situado na Picota, xa que, se o corpo o permite, poderá seguir competindo ata cando queira, algo que resulta fascinante neste deporte, no que ten o respaldo da selección como veterana. A súa disciplina consiste en realizar combinacións de movementos que simulan ataques e defensas, executados nunha orde específica ou liña contra un ou varios atacantes imaxinarios. Estas características fan que se trate dun deporte accesible para persoas de todas as idades. Segundo Queiro, “a clave está en traballar de acordo coas túas propias posibilidades”, e destaca tamén a importancia de que os deportistas máis novos teñan veteranos como modelo a seguir, para que vexan que o deporte ofrece futuro e continuidade.
O seu soño, guiada polo seu espírito competitivo, é chegar a ser campioa do mundo. Sempre mantendo presente que o deporte é esencial para todos e que o esforzo e a motivación son claves non só para mellorar o rendemento físico, senón tamén para a saúde mental.”O máis importante é mover o corpo, sen importar a idea que teñamos; a forza e o esforzo son fundamentais, non só para mellorar a condición física, senón tamén para evitar depresións ou trastornos mentais”, comparte.
A taekwondista non podía estar máis feliz ao rematar a xornada, “moi emocionada”, pois este logro é o resultado da súa constancia e do traballo desenvolvido ao longo de moito tempo. Queiro demostra que non hai idade para practicar ningunha modalidade deportiva, nin tampouco para gañar premios. No seu calendario agora figuran o Campionato Galego e a súa meta de entrar nos ránkings para seguir competindo a nivel europeo e mundial, tanto en parella como de forma individual.