Na Praza de Abastos de Redondela o Nadal xa se fai notar, e non só pola decoración, senón tamén polos prezos do marisco. Como cada ano, as festas traen consigo un aumento nas tarifas, pero este 2024 os consumidores están a sentir un encarecemento máis acusado que nunca. A centola, un dos manxares máis demandados nestas datas, xa supera os 30 euros o quilo. Este aumento, que alcanza un 30% respecto ao inicio da campaña, pon en alerta tanto aos compradores como aos comerciantes.
Sonia Camiña, responsable de Pescados e Mariscos Rodrigo Villar Romero, asegura que os prezos están disparado pola escaseza. “O ano pasado comezou en 19 euros o quilo e este ano comezou xa en 32 euros e seguirá subindo cada día na poxa”.
Os vendedores non atopan moita explicación para esta situación, e mesmo sinalan que “noutros lugares da ría tamén se está a notar a carencia nalgunhas especies, como en Cambados, onde xa falan de que non hai Choco”, Sonia.
Estamos a prever un Nadal complicado, non só para os consumidores, senón tamén para os pescadores e mariscadoras. A escasa captura e os prezos altos farán que moita xente teña que adaptarse ou sacrificar algún prato. “Este Nadal vai a ser duro e co tempo vai a deixar de celebrarse con marisco”, Sonia.
Moitos optan por comprar con antelación ou, mellor aínda, conxelar o marisco para que se conserve ben durante as festas. Asegura Sonia que está é a tendencia e “en lugar de mercar centola, compran boi ou ameixa para as xuntanzas típicas”.
Non todos os produtos do mar están tan caros, sen embargo. O marisco de orixe foránea, como as centolas capturadas en augas de Francia ou Asturias, ofrécese a prezos máis accesibles. Marga, de Peixes e Mariscos Marga, di que “as vieiras están a uns 14 euros o quilo, e a xente está a usalas como alternativa”.
Outros mariscos como a cigala ou os lagostinos manteñen prezos similares ao ano pasado, pero a centola e a nécora é o que está a subir, porque hai moita escaseza na nosa zona. “Hai menos centola da boa, da nosa e por iso a xente busca produtos similares” , Marga.
A pesar dos prezos elevados, o consumo de marisco non se detén. Lupe, de Pescadería Sara, asegura que a tradición segue viva en Redondela. “Os prezos están máis altos, si, pero a xente segue a comprar marisco para as ceas de Nadal. Moitos mercan menos cantidade, pero non deixan de lado a tradición. Eu diría que a xente compra un pouco antes ou opta por conxelar para aproveitar mellor a tempada.
E así o confirmaron algúns clientes que visitaron a praza este martes. Ángeles, Conchi e Manolo, tamén comentaron como se están a organizar para as festas. Eles non van a cambiar o menú, pero compran con antelación ou mercan menos cantidade.
Atopamos tamén a compradores na Praza que directamente deciden non mercar marisco, considerando que a estes prezos son “un capricho”.
Unha opción que están a considerar moitos para as ceas de Nadal é o bacallau, un peixe que a diferenza do marisco, non viu un incremento tan elevado nos prezos. Jacobo de Bacalao Pesacamar, di que está a 22 euros o quilo e que subiu conforme a inflación e non tanto por carencia ou falta de oferta.
O futuro, como sempre, é incerto. Se os prezos seguen a subir a este ritmo, o marisco podería convertese nun luxo para moitos. Algúns comerciantes e consumidores están preocupados pola escaseza, algo que consideran alarmante. Temen que produtos do mar poidan desaparecer das prazas de abastos, quedando limitados ás grandes superficies e algúns senten que “os Mercados locais están en perigo”.
“As novas normativas europeas están a xerar moita preocupación entre vendedores e clientes, xa que poderían ter un impacto significativo no sector. As restricións e regulacións recentemente implementadas afectan tanto á oferta como á demanda, o que pon en risco o futuro do mercado local. “En Portugal non teñen nin a metade das restricións que temos en Galicia e as augas son as mesmas”, indicaba unha praceira. Pola súa parte, Conchi apuntaba que “hai que dar un respiro ao mar e non poñer en perigo os postos de traballo.”
En resumo, a Praza de Abastos de Redondela prepárase para un Nadal con marisco de calidade, pero a prezos máis altos. Tanto comerciantes como clientes intentan adaptarse ás novas circunstancias da tempada, e moitos xa se organizan comprando antes ou conxelando. Non obstante, o futuro do marisco na ría segue sendo unha incógnita, e a preocupación polo que está por vir é algo común entre os que visitan e traballan na praza.