O espectáculo para público infantil desenvolverase o domingo 15 ás 17:30 horas na Casa da Cultura. A actuación está enmarcada dentro do +Escénicas, un novo circuíto da Deputación de Pontevedra que inclúe programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia.
“O tranvía Leonardo”é un espectáculo de narración oral con marionetas e música no que se conta a historia do primeiro tranvía a vapor de Galicia. Como era lento, sucio, pequeno, estreito e descarrilaba a miúdo, foi motivo de mofa e protagonista de cancións e anécdotas. A música é o fío condutor deste espectáculo no que Pepe Tafall, xefe do tranvía de Marín a Pontevedra, conta a historia do tranvía Leonardo desde o seu nacemento en Bruxelas ata a súa vellez, coa intención de que o propietario, o Marqués de Riestra, o xubile e lle dea o seu merecido retiro. Tamén narra algunhas das anécdotas máis simpáticas dos seus tripulantes e pasaxeiros, entre eles Xosé Echegaray, o médico Guillermo, a cega Morcega, a mestra Trini Trapa ou o loro Ravachol. O espectáculo está pensado para a rapazada a partir dos 3 anos.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.