Os calendarios, elaborados polo Obradoiro de Deseño Gráfico con imaxes que se conservan no Arquivo Municipal, repartiranse entre os centros culturais das parroquias. Os veciños e veciñas que o desexen tamén poden recollelos na Casa do Concello.
Cada un dos meses do anos está ilustrado cunha imaxe antiga de embarcacións, mariñeiros e mariscadoras. Fotografías que se conservan no Arquivo Municipal e que o alumnado do Obradoiro de Deseño Gráfico empregou para facer o deseño deste calendario que estará a disposición da veciñanza na casa do Concello.
A presentación do calendario tivo lugar na Confraría de Cesantes e contou coa participación da patroa Maior, Nisi Otero así como a presidenta das mariscadoras, Ana Belén Sotelino xunto os representantes municipais.
A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Emprego, Antonio Cabaleiro, puxeron en valor o traballo no mar de mulleres e homes nun sector primordial para Redondela, que é fonte de riqueza. A pesca artesanal e o marisqueo “son actividades sustentables e respectuosas co medio que herdamos desas xeracións pasadas que vemos nas fotografías do calendario, e que manteñen vivas mulleres coma estas”.