O fútbol local viviu un fin de semana negativo, con derrotas para varios dos equipos da nosa área. O CD Choco loitou ata o último minuto, pero caeu 2-1 ante o CD Beluso, a pesar de recortar distancias nos minutos finais grazas a un gol de Bautista. O CD Soutomaior tamén saíu derrotado na súa visita ao S.D. Valiño (1-0), mentres que o C.D. Arcade perdeu na casa fronte ao Marín C.F. (1-2). No resto de categorías, o CD Vincios impoñíase ao Atlético de Villar (5-3), mentres que o Chapela C.F. daba a nota discordante e lograba unha vitoria contundente sobre o Moledo C.F. (3-0).
Preferente
CD BELUSO – CD CHOCO (2-1)
O CD Choco segue mostrando a súa loita e resistencia nun partido no que mereceu máis. A pesar da derrota por 1-2 fronte ao Beluso, o equipo visitante deixou claro que nunca se rende, chegando a recortar distancias nos minutos finais e poñendo contra as cordas ao seu rival.
O encontro comezou cunha gran oportunidade para o Choco, cando Jonás estrelou un disparo no traveseiro na primeira ocasión perigosa do partido. Tras o largueiro de Jonás, o colexiado anulou un gol de Álex Figueroa nun corner que dende o corpo técnico explican “aínda non sabemos o motivo”.
Este inicio prometedor reflectiu as ganas do conxunto visitante de levar os tres puntos. Con todo, o Beluso logrou asentarse no encontro e adiantarse no marcador no ecuador do primeiro tempo. Jardí conectou con Millán, que obrigou a Cortegoso a intervir, pero Pasto aproveitou o rexeite para marcar de cabeza.
A pesar do dominio local na primeira metade, o Choco buscou recuperar a posesión e resistiu os embates dun Beluso inspirado. Antes do descanso, Pasto anotou o seu segundo gol tras un centro preciso de Jardí, ampliando a vantaxe local.
Na segunda metade, o CD Choco reaccionou con cambios tácticos que equilibraron o xogo. As oportunidades comezaron a chegar para o equipo visitante, que nunca deixou de buscar o empate. A pesar da expulsión de Hugo no 83’, o Choco seguiu presionando e logrou recortar distancias no minuto 90 grazas a un gol de Bautista. Os últimos minutos foron de máxima intensidade, pero o tempo non foi suficiente para culminar a remontada.
Goleador: Bautista (90’).
Primeira Galicia
S.D. VALIÑO – C.D. SOUTOMAIOR (1-0)
O gol do partido foi obra do equipo local no segundo tempo, asegurando tres puntos valiosos que lles permiten escalar postos na clasificación. Pola contra, o CD Soutomaior segue loitando para afastarse da zona baixa.
C.D. ARCADE – MARÍN C.F. (1-2) Tampouco tivo sorte o Arcade que perdeu na casa contra o Marín.
Os locais adiantáronse no marcador grazas a un gol de Fernando Sánchez no minuto 14’, pero o Marín CF deu a volta ao partido cunha boa actuación na segunda metade.
Goleador: Fernando Sánchez (14’).
Segunda Galicia
C.D. VINCIOS – C.D. ATLÉTICO DE VILLAR (5-3)
O CD Vincios impuxo o seu xogo ante o Atlético de Villar, nun partido cheo de goles e ocasións.
O Atlético, a pesar de marcar tres tantos grazas a Eloy, Miguel e Pablo, non conseguiu frear a ofensiva local, que anotou cinco goles. Este resultado supón a segunda derrota consecutiva para o Atlético de Villar, que se sitúa agora na metade da táboa.
Goleadores: Eloy (18’), Miguel (36’), Pablo (38’).
Terceira Galicia
CHAPELA C.F. – MOLERDO C.F. (3-0)
O Chapela C.F. deu a nota discordante nunha fin de semana de derrotas para o fútbol local. A diferenza dos outros equipos da zona, que non lograron puntuar, o Chapela logrou unha contundente vitoria por 3-0 sobre o Moledo C.F., destacándose como o único equipo da xornada que conseguiu os tres puntos no seu partido.
O equipo local mostrou un gran nivel durante todo o partido, asegurando a vitoria con goles de Alejandro, Guillermo e Abdul Waris. Este resultado permite ao Chapela CF coller forzas para as próximas xornadas.
Goleadores: Alejandro (20’), Guillermo (52’), Abdul Waris (77’).