Música, xogos, inchábeis, feira do libro e de artesanía, espectáculos de rúa, mesa de debate e un concerto fin de festa cos grupos Güintervan, Nao, Os tres trebóns e Som do Galpom servirán para concienciar á cidadanía da importancia do uso do galego.
A Plataforma Queremos Galego organiza o vindeiro sábado en Soutomaior un elenco de actividades orientadas a todas as idades que se desenvolverán en tres espazos diferentes: a Casa do Pobo do Val Sobral, a alameda de Talorío e o Multiusos de Arcade. O programa, a través do cal os membros da plataforma queren concienciar da importancia do uso do galego no ámbito cultural e social, serve tamén para denunciar “os recortes nos dereitos dos galegofalantes” levados a cabo dende a Xunta segundo nos explicaba o representante de Queremos Galego en Soutomaior Nacho Carballal As actividades arrancarán ás 11:30 cun roteiro musical, unha actividade infantil dirixida polo músico Marcelo González na que os cativos irán reciclando diferentes materiais para construír os seus instrumentos. Á mesma hora abrirase unha mostra de xogos tradicionais galegos na que os participantes poderán coñecer e gozar das diferentes modalidades do xogo tradicional galego e a partir das 12.00 h comezará o campionato de bolos celtas. Logo do xantar popular os máis pequenos poderán xogar nos castelos inchables instalados na Alameda de Talorío e abriranse tamén as feiras do libro e artesanía as que participarán diferentes editoriais e librarías galegas e artesáns chegados de diferentes lugares do pais. Haberá tamén espectáculos de rúa con xogos malabares, espectáculos de clown, música, paiasos e as 17.30 comezará no Multiusos a mesa de debate baixo o título “Un futuro en galego: retos de hoxe para unha lingua normalizada” coa presenza de Anxo Louzao (Secretario nacional de CIG Ensino) Bieito Lobeira (Deputado e voceiro de lingua do BNG), Fran Rei (Portavoz da Plataforma Queremos Galego), Pilar García Negro (Sociolingüista e profesora na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña) e Xosé Henrique Costas (Vicerreitor da Universidade de Vigo e Catedrático de Lingua Galega) A xornada concluirá as 20:30 cun gran concerto na alameda onde intervirán os grupos Güintervan, Nao, Os tres trebóns e os homes sen medo e Som do Galpom.