Hoxe é Mércores 18 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Humanización do Camiño de Santiago ao seu paso por Arcade

_MG_8563

A actuación acometerá obras de mellora nas rúas Coutada e Fonte do Conde mellorando a  pavimentación, a accesibilidade, nas beirarrúas e na calzada, así como o saneamento, o abastecemento, a xardinería, a iluminación e a sinalización. O presuposto global das obras suma preto de 750.000 euros, dos que a metade – 370 mil euros – corren a cargo do Fondo de Cooperación Local e o resto procede de fondos municipais.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, acompañaron ao alcalde de Soutoamior, Manu Lourenzo, nunha visita para coñecer as melloras previstas no Camiño de Santiago ao seu paso polo núcleo urbano de Arcade.

Segundo explicou a directora xeral, o obxectivo é rexenerar e humanizar este espazo urbano, dándolle prioridade ao tránsito peonil para unha maior seguridade na circulación ao tempo que se reducen as emisións e se mellora a calidade ambiental. Vaise favorecer tamén a integración paisaxística e a posta en valor da zona.

Unha obra que se vai levar a cabo grazas a que o Goberno de Soutomaior conseguiu unha nova subvención por valor de 370 mil euros ao abeiro do Fondo de Cooperación Local destinado á realización de investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico da Xunta de Galicia.O proxecto (redactado pola empresa Enurcoin, liderada polo enxeñeiro Enrique Urcola, decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia) logrou facerse con esta subvención concedida a unha vintena de concellos.

O Concello de Soutomaior deberá facerse cargo dun 50% do investimento necesario para a realización da obra, mentres que o restante irá a cargo da subvención da Xunta. En total serán uns 750.000 euros, dos que 150.000 irán destinados a renovar a rede de sumidoiros e a protexer o fondo da Ría de Vigo de verteduras.

Sobre o proxecto de humanización, Manu Lourenzo sinalou que “esta obra vai ser un antes e un despois para o núcleo urbano de Arcade, que se suma a outros proxectos de modelo urbano que xa temos abertos e madurados en diferentes etapas e que nos van permitir desconxestionar o entramado de tráfico que é agora mesmo o centro urbano de Arcade. Trátase dun proxecto co que imos mellorar por completo a concepción urbanística dunha das vías máis transitadas do núcleo urbano de Arcade e que é usada tanto pola veciñanza como polos milleiros de peregrinos e peregrinas que chegan a Soutomaior”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará