O Club de Natación de Redondela afronta con optimismo a súa participación no Campionato Galego Absoluto de Natación que se celebrará en Santiago de Compostela do 27 ao 29 de decembro. Este evento, que reúne á elite da natación galega, será unha cita importante para o club, que estará representado por seis nadadores e nadadoras de distintas categorías: Miguel Martín, Carla Doval, Julia Alfaya, Paulo Gunche, Miguel Rey, Martín González e Fran Neira.
A actuación no campionato chega nun momento clave para o club, que está en plena fase de crecemento baixo a dirección de Natalia Silva, recentemente nomeada adestradora do club. Silva, cunha longa traxectoria como segunda adestradora en natación competitiva, asumiu a responsabilidade de continuar fortalecendo o equipo na Terceira División e mellorar as marcas persoais dos deportistas.
A Liga de Terceira División tamén está en marcha e continuará até o mes de xullo, co Club de Natación de Redondela competindo contra nove clubs galegos. Un dos principais obxectivos do club para este novo ciclo é afianzar a súa presenza e consolidarse como un referente na natación galega, apostando por un ambiente motivador e esixente.
A pesar de que o ascenso á Segunda División non é un obxectivo inmediato, o foco de Silva está posto en desenvolver novos talentos e mellorar o nivel técnico dos nadadores do club. Actualmente, o Club de Natación de Redondela conta con 45 licenzas en categorías que van desde prebenxamín ata master, e a súa misión é reforzar a base e atraer novos membros. “Estamos nestes momentos moi involucrados no Campionato galego, no que tentaremos mellorar as marcas e mesmo conseguir as mínimas para chegar ao campionato nacional“, sinala Silva.
O Campionato Galego Absoluto de Natación 2024 celebrarase en Santiago de Compostela na Piscina de Santa Isabel os días 27, 28 e 29 de decembro. O evento contará con diversas probas para as categorías feminina e masculina, incluíndo 1500 libre, 50 braza, 200 mariposa, 100 estilos e relevos, entre outras. As probas comezarán nas mañás e tardes de cada xornada, coas marcas sendo actualizadas en tempo real na páxina do evento. O campionato está aberto ao público e tamén terá fotos e vídeos dispoñibles tras cada xornada. Máis detalles aquí.