Os colectivos integrantes do consello parroquia de Chapela acordaron trasladar á Xunta de Galicia unha queixa “polo deterioro sistemático” do Centro de Saúde. Segundo denuncian a falta de médicos e pediatras é constante, debido a que o Sergas non cubre as baixas ou vacacións dos facultativos.
Isto supón longas lista de espera que se sitúan en torno aos 18 días para poder acceder a unha consulta co médico de familia. No caso de pediatría, os días que non hai especialista no Centro de Saúde de Chapela, desde o Sergas non se substitúe a praza e os pacientes son derivados ao Centro de Saúde de Redondela provocando un importante transtorno nas familias así como saturando o servizo de Redondela, o que deteriora a prestación sanitaria.
Os colectivos temen que, ante a próxima xubilación do pediatra do Centro de Saúde de Chapela, esta praza non se cubra e a parroquia quede sen servizo de pediatría.
Representantes das asociacións de Montes, colectivos culturais, asociacións veciñais, deportivas, de empresarios e Anpas acordaron por unanimidade trasladar á Xunta de Galicia esta queixa a través do Concello. A veciñanza reclama unha sanidade pública con medios suficientes e sen recortes, e denuncian a precarización da atención deste servizo público que é fundamental para a cidadanía.