O Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA 2025), que se está a celebrar en Cataluña desde o 3 de xaneiro e rematará ao final da xornada de hoxe, 8 de xaneiro, xa revela o resultado da Categoría Cadete Masculina, na que a Selección Galega logrou a medalla de prata e se proclamou subcampiona de España.
O equipo cadete masculino da Selección Galega chegou á final do campionato tras unha destacada actuación, pero perdeu por un axustado 30-29 contra Cataluña, que se alzou co ouro. A vitoria estivo ao alcance de calquera dos dous equipos, xa que Galicia dominou gran parte do encontro, mantendo unha clara vantaxe durante 45 minutos. Non obstante, pequenos detalles no tramo final decantaron o partido a favor de Cataluña. Na semifinals, a Selección Galega superara a Valencia por 33-35, demostrando a súa forza e a súa capacidade para competir ao máis alto nivel.
Entre os xogadores da Selección Galega destacan os representantes de Redondela: Lois Alonso, Óscar González e Nicolás Alonso, todos pertencentes ao Balonmán Chapela. Estes tres xogadores, sen dúbida, foron figuras clave no éxito do equipo galego.
Tamén hai que resaltar o traballo do equipo técnico, no que destacan a adestradora Carla Abad e a delegada Nerea Bouzón, ambas figuras fundamentais no balonmán redondelán e claves na organización e no apoio ao equipo cadete masculino ao longo do campionato.
A pesar de non acadar o ouro, o resultado é unha gran mostra do nivel do balonmán galego, que queda con sabor a gloria tras un torneo moi reñido.
Agora, só queda esperar ao desenlace do resto das finais das distintas categorías nas que tamén temos representación de Redondela. No Infantil Feminino, as xogadoras Daniela Fernández, Daniela Míguez, Daniela Figueroa e Karla Fernández, todas da SAR, xunto a Ángela Sánchez, do BM Chapela, defenden as cores galegas. Ademais, na categoría Xuvenil Feminino, contamos coa participación de Alba Pérez e Julia González, tamén da SAR.