A concentración de alumnado ás portas de ambos os dous centros antes da súa apertura leva a Federación de Anpas a alertar da perigosidade que corren estes rapaces e rapazas que chegan antes das 9:00 horas e que se concentran diante dos colexio. Instan a que os centros permitan o acceso do alumnado ao tempo que van chegando ou que se adopten outras medidas para garantir a seguridade na zona.
Os estudantes que non son transportados, é dicir, que van a pé a estes colexios de Infantil e primaria teñen que esperar na rúa ata que se abren as portas contra as nove da mañá. Unha situación que afecta tanto ao Santa Mariña como a Marisma que agrupa á rapazada do centro da vila. Nenos e nenas que se congregan nas beirarrúas co conseguinte problema de seguridade.
De feito, tan só un 10% do seu alumnado desprázase en autobús, mentres que o 90% chega a pé ou en vehículo privado e ten que esperar ás portas do colexio “nunhas beirarrúas que se fan estreitas para albergar tanta xente” ata que poden acceder ao interior do edificio.
Unha situación que, segundo explica dende a Federación de Anpas o seu presidente, José Manuel Lago, “xera un problema de seguridade para as familias nunha zona pola que circulan turismos e autobuses”.
Dende as Anpas reclaman que tanto Inspección educativa como o Concello se involucren na procura dunha solución que entenden podería ser tan sinxela como que os colexios abriran as súas portas uns minutos antes, permitindo así acceder a esa alumnado conforme vai chegando “do mesmo xeito que o alumnado transportado poden entrar en canto chega o autobús”. Entenden tamén que poderían barallarse outras solucións como unha maior regulación do tráfico na zona.
Unha Federación que continúa traballando por acadar unha solución definitiva ao problema do transporte escolar que “discrimina” ao alumnado de bacharelato que non conta con praza asegurada no transporte escolar. Actualmente a situación solventouse de xeito puntual coa contratación por parte do Concello dun servizo de taxis que está desprazando a estes rapaces e rapazas pero insisten dende a Federación que a solución definitiva e a longo prazo pasa por un servizo de transporte público integrado.