O Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA 2025), celebrado en Cataluña desde o 3 ata o 8 de xaneiro, revelou os seus resultados finais nesta xornada. A Selección Galega, que contou coa destacada participación de 16 representantes de Redondela en diversas categorías e no corpo técnico, logrou un excelente medalleiro. Entre os oito mellores equipos de cada categoría a nivel estatal, os galegos acadaron unha medalla de prata e dous bronces. Ademais, no marco da Copa de España, onde competían os restantes equipos, a Selección Xuvenil Masculina destacou ao alzarse coa medalla de ouro e a Cadete Feminina coa medalla de prata.
Prata para os cadetes e final épica contra Cataluña
A categoría cadete masculina logrou a medalla de prata tras unha final moi igualada contra Cataluña, que rematou cun axustado 30-29 a favor dos cataláns. Galicia dominou o encontro durante os primeiros 45 minutos, pero pequenos erros no tramo final decidiron o partido. Os xogadores redondeláns Lois Alonso, Óscar González e Nicolás Alonso, do Balonmán Chapela, tiveron un papel clave neste éxito.
O equipo técnico, liderado pola adestradora Carla Abad e a delegada Nerea Bouzón, tamén desempeñou un papel fundamental no rendemento do equipo.
Bronces para os infantís masculinos e femininos
A Selección Galega infantil masculina acadou o bronce tras un emocionante enfrontamento contra Andalucía, decidido na prórroga cun resultado de 32-29. Javier Orge Cruz, do Culleredo, foi o representante redondelán neste equipo.
Pola súa banda, o equipo infantil feminino venceu a Madrid cun contundente 27-19 para asegurar o terceiro posto. As xogadoras redondelás Daniela Fernández, Daniela Míguez, Daniela Figueroa e Karla Fernández, todas da SAR, xunto a Ángela Sánchez, do BM Chapela, foron parte deste equipo gañador.
As xuvenís, sextas tras un final axustado
O equipo xuvenil feminino rematou no sexto posto tras un intenso partido contra Madrid, que se decidiu na prórroga. As xogadoras Alba Pérez e Julia González, ambas da SAR, representaron a Redondela nesta categoría. O resultad foi de 36-39.
COPA DE ESPAÑA
Ouro para o equipo xuvenil masculino
O equipo xuvenil masculino proclamouse campión da Copa de España tras un torneo impecable. Nun partido dominado de principio a fin, Galicia mantivo unha vantaxe constante no marcador, logrando a medalla de ouro cun resultado de 34-39. A vitoria reafirma o potencial do equipo, que xa era campión da Copa de España.
Con estes resultados, a Selección Galega reafirma a súa posición como unha das grandes potencias do balonmán autonómico, grazas ao talento e ao esforzo tanto dos xogadores como do equipo técnico. A participación redondelá volve ser un exemplo do alto nivel deportivo da localidade.
Prata na Copa para as cadetes femininas e esforzo ata o final
O equipo cadete feminino tamén alcanzou a medalla de prata tras un duro partido contra Aragón na final. A selección galega loitou ata o último minuto nun encontro con moitos goles, pero as aragonesas impuxéronse nos derradeiros instantes. Entre as representantes redondelás estaban Noa Portela e Candela Martínez, da SAR, e Adriana Bouzón, de As Choqueiras. O resutlado final foi de 42-44.