Os comuneiros reclaman a propiedade da parcela coñecida como o “polígono de autoestradas” que o Concello quere comprar á entidade financeira por 1’5 millóns de euros. A asociación de montes acusa ao goberno local de defender os intereses da empresa privada fronte aos dos propios veciños por posicionarse no xuízo que se celebrará o xoves en Pontevedra a favor de Caixanova.
A documentación que obra en poder da Mancomunidade de montes de Chapela acreditaría que a parcela que o goberno local quere adquirir na parroquia, previo pago de 1.5 millóns de euros á Caixanova, é monte comunal. Este argumento é o que vai defender o colectivo no xuizo que se desenvolverá o vindeiro xoves día 28 en Pontevedra, logo de que os comuneiros presentaran no seu día un contencioso administrativo reclamando a titularidade do terreo. A parcela coñecida como o “polígono de autoestradas” ten unha extensión de 35.000 metros cadrados. O obxectivo do concello sería comprarlla aos seus propietarios e a continuación cedela á Xunta para que constrúa diferentes servizos dos que actualmente carece a parroquia como unha gardería, un centro para maiores ou o colexio de Igrexia no caso de que a ampliación da AP.-9 obrigue aos seu traslado. Sen embargo, dende a Comunidade de montes aseguran contar con documentación que confirmaría que a parcela é monte comunal, motivo polo que decidiron recorrer aos tribunais. O presidente dos comuneiros, Francisco Puch asegura non entender porqué o concello se posiciona en contra da comunidade e dos veciños e a favor dunha empresa privada. Engaden que no caso de que o xulgado falle ao seu favor a asociación de montes estaría disposta a ceder eses terreos “a custe cero” para a construcción de servizos, o que suporía que o concello podería investir o 1’5 millóns de euros noutras actuacións máis necesarias.