Hoxe é Mércores 15 de Xaneiro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un neno de Soutomaior faise co premio da biblioteca tras retirar máis de 377 préstamos no 2024

soutomaior libro

O concello de Soutomaior vén de entregar os premios ás persoas que máis préstamos realizaron ao longo do pasado ano. Uns premios que recaeron, na categoría adulta, en Rosalía Otero Couñago cun total de 89 préstamos e, na categoría infantil e xuvenil, en Noel Castro con 377 préstamos, o que fai unha media de máis dun libro por día.

O 11 de xaneiro celébrase o Día das Persoas Usuarias das Bibliotecas en Galicia, unha xornada que se conmemora nesa data porque foi o día no que se inaugurou a Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura no ano 2011.

A Biblioteca Municipal de Soutomaior celebrou por vez primeira este día agasallando ás persoas máis lectoras nas súas respectivas categorías. O premio na modalidade infantil-xuvenil consistiu nun lote de xogos de mesa e papelería e, na modalidade de adultos, nunha cesta de produtos locais elaborados en Soutomaior. Ademais, ambas persoas premiadas levaron unha lámina da artista local Alba Troiteiro. Na categoría de adultos, a premiada foi Rosalía Otero Couñago cun total de 89 préstamos e, na categoría infantil e xuvenil,Noel Castro, cun total de 377 préstamos.

Ademais, a Consellería de Cultura deu a coñecer un estudo que cuantifica o beneficio social das bibliotecas públicas e onde Soutomaior aparece coma o décimo concello de toda Galicia con maior número de préstamos: un total de 1500 préstamos por cada 1.000 habitantes. O dato é significativo, pois non só se refire ás bibliotecas públicas municipais, senón que tamén recolle todas as bibliotecas públicas das grandes cidades.

A concelleira de cultura, Silvia Cernadas, quixo agradecer a implicación dos veciños e das veciñas de Soutomaior, así como de todo o persoal da biblioteca municipal e do concello que fan posible que a Biblioteca “Luís Seoane” de Soutomaior sexa un centro cultural de referencia polo número de visitas, préstamos, subvencións e premios acadados.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará