Hoxe é Mércores 15 de Xaneiro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Iniciativa galega pola memoria aplaude o recoñecemento de San Simón como “lugar da memoria democrática”

illa2

Este recoñecemento por parte do goberno central implica un réxime de protección e usos compatibles para a illa, que foi campo de concentración entre o 1936 e o 1943. O acto oficial de declaración será en agosto. O movemento memorialístico galego e máis o Concello de Redondela celebran que o Estado aceptase a súa solicitude e confían en que este declaración serva para afondar na divulgación do acontecido na illa así como na súa protección ante a organización de determinadas actividades incompatibles co seu pasado.

O Goberno central atendeu a petición dos colectivos memorialistas e do Concello de Redondela para protexer un dos lugares relacionados coa ditadura franquista máis emblemáticos de Galicia: a illa de San Simón, onde houbo un campo de concentración entre 1936 e 1943. A partir do mes de agosto a illa será, xunto co Pazo de Meirás, “Lugar da Memoria Democrática”. Trátase dunha figura incluída na Lei de Memoria Democrática que implica dotar a estes espazos dunha función “conmemorativa, de homenaxe, didáctica e reparadora”, ademais de establecer “un réxime de protección e usos compatibles”.

O movemento memorialístico galego a través da Iniciativa Galega pola Memoria amosa a súa satisfacción ante unha nova que supón corrixir unha eiva ao non existir ningún espazo galego no listado de lugares de memoria e suporá afondar na súa divulgación.

O voceiro do colectivo, Matías de la Torre explica que este recoñecemento servirá tamén para garantir a protección do espazo evitando a súa utilización para fins contrarios á memoria democrática. Lembra que ata o de agora a Xunta permitiu que a Illa fose empregada en beneficio de empresas privadas que se dedican a realizar nela actividades contrarias ao seu carácter público ou a súa condición de ben de interese cultural.

Iniciativa Galega pola Memoria agradece tamén que neste camiño contaran co apoio institucional do Concello de Redondela, que tamén trasladou ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática o pasado mes de decembro esta solicitude de declaración para illa de San Simón.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas tras celebra tamén a decisión do goberno central lembrou que dende o Concello reclamouse á Xunta de Galicia o pasado mes de outubro “a recuperación da Fundación Illa de San Simón para xestionar os usos deste espazo e velar pola memoria histórica” e reitera esta petición, da que aínda non obtivo resposta, “e que ten máis sentido ca nunca, unha vez o Goberno Central declarou a illa como Lugar de Memoria Democrática”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará