Foto: Todoslosrostros
O popular José Luis Ferro afirmou durante un debate no Parlamento, no que o PSOE solicitaba constituír un Consello da memoria de Galicia, non ter constancia “que houbese mortes en San Simón”.
José Luis Ferro afirmou que “non temos constancia a día de hoxe pola documentación que existe que houbera mortes na illa de San Simón salvo abusos do director daquel momento da prisión que foi pasado polo coitelo, o mesmo director da prisión porque trataba mal os presos”. Unhas palabras que o deputado pronunciou no Parlamento galego negando os centos de mortes rexistradas no campo de concentración franquista da ría de Vigo documentadas por diversos investigadores, moitas delas precipitadas polas condicións insalubres en que os golpistas mantiñan os presos políticos.
O pronunciamento do deputado popular sobre a illa de San Simón produciuse no debate dunha proposición non de lei presentada polo PSdeG para instar a Xunta a constituír o Consello da Memoria Democrática de Galicia como órgano de debate e asesoramento nesa materia ao abeiro da nova lei estatal de memoria Democrática.
Unhas palabras que aínda resoaron máis se cabe cando hai tan só uns días se coñecía que o goberno estatal vai recoñecer o Pazo de Meirás e a propia Illa de San Simón como “lugares da Memoria Democrática”, o que suporá a súa protección ante determinado tipo de actividades incompatibles co seu pasado e o seu recoñecemento cono un dos lugares relacionados coa ditadura franquista máis emblemáticos de Galicia, no que se estima que foron ao redor de 6.000 os presos que pasaron polo campo de concentración que estivo en activo dende 1936 e 1943.