Frame dun vídeo ofial da Liga Nacional de Fútbol Sala
O seleccionador español, Jesús Velasco, fixo oficial a prelista de 30 xogadores, na que se atopa Pablo García Lago, ou Pachu, para o encontro fronte a Inglaterra o 4 de febreiro, correspondente á fase de clasificación do Europeo de 2026. Este será o terceiro compromiso de España, tras as contundentes vitorias ante Suíza (0-9) e Bosnia e Hercegovina (6-1).
Pachu, de 24 anos, é un ala formado nas filas do Casa Paco de Redondela. En 2018, deu un salto clave fichando polas categorías inferiores do Levante, co que logrou ascender ao primeiro equipo en 2022. Actualmente, defende as cores do Osasuna Magna Navarra, onde se converteu nunha das pezas destacadas do cadro navarro desde a súa chegada en 2023.
A presenza de Pachu na prelista reafirma o potencial do fútbol sala redondelán como canteira de grandes xogadores. O redondelán compartirá convocatoria con xogadores de renome, como Adolfo Fernández (Barça), Mario Rivillos (Illes Balears Palma Futsal) ou Jesús Herrero (Movistar Inter).
O encontro ante Inglaterra disputarase en Loughborough, onde o combinado español buscará manter o seu liderado no grupo. Inglaterra chega ao duelo tras caer ante Bosnia e Hercegovina (5-1) e gañar a Suíza polo mesmo marcador. A convocatoria definitiva sairá desta prelista, que inclúe tanto veteranos como promesas, entre as que destaca o nome do xogador de Redondela.